Comeza cunha gran afluencia de público a XXIV edición do BurgoJazz no Xardín Botánico Ría do Burgo

ACoruñaXa
O BurgoJazz continuará ata o luns, 7 de xullo, cunha oferta musical diaria de dous concertos
burgo-jazzz
5 Jul 2025

A música jazz soou con forza no Xardín Botánico Ría do Burgo durante a xornada inaugural da XXIV edición do festival BurgoJazz, que arrincou cunha notable asistencia de público e unha dobre proposta musical que conquistou aos presentes.

O Ensamble do Conservatorio Municipal foi o encargado de dar o pistoletazo de saída. Os alumnos da materia de jazz do Grao Profesional, que repiten participación por segundo ano consecutivo, interpretaron estándares clásicos do xénero cun repertorio variado e vibrante que encheu o espazo de ritmo e emoción. A súa actuación foi moi aplaudida polo numeroso público que se achegou ao recinto.

A continuación, subiu ao escenario o Dúo Latiendo América, integrado polo violinista venezolano Pedro Montilla e o guitarrista brasileiro Mauricio Caruso. Ambos músicos fixeron gala da súa sólida traxectoria e da conexión profunda que manteñen coas raíces musicais de América Latina. A súa proposta, diferente e envolvente, fixo vibrar aos asistentes cun son cargado de sentimento e calidade artística.

Á cita non faltaron varios membros do goberno municipal, que quixeron apoiar o arranque deste festival consolidado na programación cultural do concello.

Programación para os vindeiros días

O BurgoJazz continuará ata o luns, 7 de xullo, cunha oferta musical diaria de dous concertos no mesmo emprazamento.

Este sábado, 5 de xullo, será a quenda do Paul Álvarez Dúo, ás 20.30 horas, seguido do Valentín Caamaño Quartet, ás 21.50 horas. O domingo, 6 de xullo, actuarán o Ton Risco Quinteto (20.30 horas) e o Colectivo Zafra (21.50 horas).

O peche do festival chegará o luns 7 cun dos espectáculos máis agardados: "Mi música, mi vida", a cargo de Josemi Carmona, coñecido polo seu paso polo mítico grupo Ketama. O concerto está previsto para as 21.00 horas e porá o broche de ouro a esta edición do BurgoJazz.

⚙ Configurar cookies
0.16343998908997