Comeza a redacción do proxecto para mellorar a estrada AC-523 en Culleredo

A Xunta inicia a redacción do proxecto para mellorar a mobilidade dos peóns e reforzar a súa seguridade na estrada AC-523 en Ledoño, no concello de Culleredo.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé que o proxecto poida estar redactado a finais deste ano co fin de licitar e executar as obras en 2026.
As actuacións previstas no proxecto contarán cun orzamento estimado de 700.000€ por parte do Goberno galego e teñen por obxectivo incrementar a seguridade dos peóns no cruce da estrada que se realiza na intersección do punto quilométrico 1+360.
Executarase un paso inferior na estrada AC-523, nas proximidades dunha intersección na que existe na actualidade unha glorieta. De xeito máis concreto, acometerase un paso inferior baixo a estrada cun gálibo de 2,5 metros, para uso peonil.
Tamén se acondicionarán os camiños de servizo a ambos lados da estrada e se adecuará a rede de drenaxe.
A Xunta, mediante esta intervención, dá resposta ás necesidades de mobilidade da veciñanza da contorna, xa que nesta estrada se rexistra un elevado tráfico. Dado que as características da vía non permiten a disposición dun paso de peóns a nivel, avaliáronse diferentes alternativas de configuración dun paso seguro. Neste sentido, a opción máis eficiente e viable é a disposición do citado paso inferior baixo a estrada.
En paralelo, reforzarase a seguridade viaria nun treito máis amplo da estrada, para a cal se redactará un proxecto independente que é susceptible de financiamento con fondos europeos FEDER 21/27.