Comeza a montaxe da falla do San Xoán, con homenaxe a Manuel Rivas, o OAR Coruña e as cantareiras

ACoruñaXa
Será queimada na medianoite do 23 de xuño na praia de Riazor, seguindo a tradición máis arraigada da cidade
noite-meiga-corunha
18 Jun 2025

A Coruña prepárase xa para unha nova edición do San Xoán, festa declarada de Interese Turístico Internacional, cun dispositivo de máis de 1.000 persoas e novidades na programación cultural e no transporte público. Este mércores arrinca a montaxe da falla, que será queimada na medianoite do 23 de xuño na praia de Riazor, seguindo a tradición máis arraigada da cidade.

Durante os próximos días, os equipos responsables darán forma a este monumento efémero que, nesta edición, estará presidido por un gran polbo acompañado dunha meiga. A falla tamén incluirá referencias simbólicas a varios fitos do último ano: o Premio Nacional das Letras Españolas concedido ao escritor coruñés Manuel Rivas, o ascenso do OAR Coruña de balonmán e o recoñecemento ás cantareiras no Día das Letras Galegas. Non faltarán elementos icónicos da cidade como a Torre de Hércules.

Desde o Concello, o Goberno de Inés Rey deseñou un operativo especial de seguridade e limpeza que contará con arredor de 1.000 persoas para garantir o correcto desenvolvemento dunha noite que reúne a máis de 150.000 persoas nas praias de Riazor, Orzán e Matadoiro. A música tamén terá un papel destacado, coa actuación de La Guardia (00.20 horas) e Hey Kid (01.50 horas) na explanada do Palacio dos Deportes de Riazor.

A programación cultural continúa co ciclo Ruada das Xoubas, que levará espectáculos escénicos a distintos barrios da cidade nos días previos ao San Xoán. Como novidade, engádese unha nova función en Novo Mesoiro, este venres 20 ás 19.00 horas, coa representación de Os senteito da compañía Caramuxo Teatro.

Transporte público reforzado e cortes de tráfico

Outra das medidas destacadas será o reforzo do transporte público durante a noite do 23 ao 24 de xuño. Engádese este ano a liña 24 ás oito iniciais do dispositivo especial, conectando máis barrios coa praza de Pontevedra, epicentro da celebración.

As nove liñas especiais (1, 1A, 3, 3A, 6, 7, 11, 21 e 24) funcionarán con frecuencias de 10-15 minutos ata as 02:30 h, e o servizo nocturno manterase activo entre as 03:00 e as 06:30 h, cunha frecuencia de 30 minutos. Estes horarios son estimados e poderán variar en función da situación do tráfico.

Ademais, a Policía Local ten previsto restricións de tráfico desde as 19:00 h nos accesos ao paseo marítimo. Prohíbese o estacionamento na explanada do Palacio dos Deportes de Riazor e na avenida Pedro Barrié de la Maza. En caso de alta afluencia, poderían ampliarse os cortes ata o paseo de Rolda, San Roque de Afora ou a rúa Matadoiro.

Os cortes afectarán ás seguintes rúas: Curros Enríquez con Zalaeta e Barrié de la Maza; Hospital con Zalaeta e Barrié de la Maza; Barrié de la Maza con Rúa Alta; Rexedor Somoza con Comandante Fontanes; Alfredo Vicenti con Pondal; praza de Portugal con Alfredo Vicenti; avenida da Habana con praza de Portugal e a glorieta das Escravas.

O Concello chama á cidadanía a empregar o transporte público, manter condutas responsables e participar dunha das noites máis especiais do ano con respecto e seguridade.

⚙ Configurar cookies
0.18059015274048