Comeza a funcionar o Hospital de Día de Saúde Mental Infantil e Xuvenil da Área Sanitaria
Este martes, 6 de febreiro, comezou a operar o novo Hospital de Día de Saúde Mental Infantil e Xuvenil na área Sanitaria da Coruña e Cee no Hospital Materno Infantil 'Teresa Herrera'. Esta ampliación de servizos permite redefinir o paradigma de atención actual, e incorporar novas modalidades de intervención terapéuticas dirixidas á recuperación persoal.
Para levar a cabo todo o amplo volume de actividades o novo hospital de día conta con 15 profesionais, dos que 8 son persoal facultativo. O modelo tamén fomenta a abordaxe multidisciplinar do paciente, reducindo o impacto da enfermidade no neno sobre a súa actividade social, educativa e sobre a súa vida familiar. En definitiva, esta acción permítenos aumentar a asistencia da calidade entre os máis novos con problemas de saúde mental.
O espazo habilitado consta de aproximadamente 300 m2 situados no andar baixo do Hospital Materno Infantil 'Teresa Herrera', que conta con 12 consultas de saúde mental, un control de enfermería, ademais dunha sala de reunións, unha sala de terapia polivalente, unha aula-comedor terapéutico e salas de espera.
Esta nova prestación asistencial permite aumentar os recursos hospitalarios que a área sanitaria da Coruña e Cee ofrece aos seus usuarios da sáude mental infato-xuvenil ao abeiro do Plan de Saúde Mental Post-Covid do Servizo Galego de Saúde.
O hospital de día é un dispositivo asistencial intermedio entre a hospitalización a tempo completo e as consultas externas. Pretende atender de xeito intensivo aqueles trastornos mentais graves, xa que moitos destes teñen o seu debut na adolescencia. O principal obxectivo é evitar a cronificación dos mesmos e desestigmatizar a saúde mental, sendo imprescindible una abordaxe integral do paciente cun equipo multidisciplinar que teña en conta as necesidades sociais, familiares e académicas de xeito individualizado, e encargado de garantir a reinserción temperá do mesmo á súa vida cotiá.
A saúde mental infantil e xuvenil
A infancia e a adolescencia son etapas especialmente vulnerables ás enfermidades de saúde mental. De feito, según informan dende a área sanitaria, case a metade dos trastornos mentais inícianse antes dos 14 anos, o 10% dos nenos menores de 12 anos e o 20% dos adolescentes, desenvolven nalgún momento algún tipo de trastorno mental.
Doutra banda, o suicidio é a segunda causa de morte en mozas entre 15 e 29 anos e o seu principal desencadeamento é a depresión, en especial cando non se diagnostica e non se trata. Por tanto, unha correcta asistencia a esta idade pode previr ou atenuar problemas na saúde mental da poboación adulta e reducir o impacto sobre a vida social, familiar e académica do menor.
Do mesmo xeito, os trastornos da conduta alimentaria requiren unha abordaxe precoz e integral, no que conflúen pediatras, psiquiatras, psicólogos, terapeutas ocupacionais, traballadores sociais, enfermeiras especialistas e mestres.
Unha mellora na asistencia
O obxectivo principal do hospital de día de saúde mental infanto xuvenil é tentar mellorar a calidade de vida dos pacientes e das súas familias reducindo a tensión que poida supoñer a hospitalización e poder realizar as abordaxes clínicas necesarias e integrar unha acción coordinada con outras dependencias de servizo sanitario ambulatorias. Así mesmo, busca manter os vínculos que unen aos pacientes cos seus pais ou coidadores, amigos, profesores e en xeral a comunidade.
O aumento destes recursos hospitalarios, permitiranos atender o incremento da demanda asistencial en materia de Saúde mental prestando especial atención á poboación infanto xuvenil.
A área Sanitaria da Coruña e Cee proporciona asistencia sanitaria a unha poboación pediátrica de máis de 65.000 nenos, sendo ademais a área de referencia para as áreas sanitarias de Ferrol e Lugo, referencia autonómica para moitas patoloxías pediátricas e referencia nacional para algunhas outras.
A Unidade de Saúde Mental Infanto-Xuvenil, que dependente do Servizo de Psiquiatría, presta a súa asistencia ata o de agora na planta semisoto do Hospital Materno-Infantil Teresa Herrera, estando na actualidade orientada principalmente á actividade ambulatoria de consultas externas. Polas súas consultas pasan cada ano máis de 6.000 menores, cunha tendencia crecente con respecto a anos anteriores que parece acentuarse aínda máis no 2022.