Comeza a conta atrás para a XII edición do circuíto de carreiras populares Coruña Corre

O circuíto de carreiras populares Coruña Corre prepara o seu regreso cunha nova edición que dará comezo o 15 de marzo e se prolongará ata finais de novembro. O calendario deste ano contará con sete probas distribuídas por distintos barrios da cidade.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, animou á cidadanía a participar nesta décimo segunda edición, que xa conta con máis de mil persoas inscritas a falta dun mes para a primeira cita: a XIII Baixada Popular da Torre de Hércules. Esta proba incluirá tamén unha andaina solidaria en conmemoración do Día Internacional da Muller.
Vázquez lembrou que existen dúas modalidades de inscrición. A inscrición única no circuíto permite participar en todas as carreiras, requirindo a confirmación individual para cada proba. Esta opción posibilita acumular puntos para optar aos premios finais. O prazo para anotarse nesta modalidade remata ás 23.59 horas do domingo 4 de maio. A outra opción é a inscrición individual por carreira, que permite participar en probas concretas, aínda que sen opción a puntuar no ranking global.
As persoas interesadas poden consultar toda a información e formalizar a súa inscrición no Coruña Corre 2025 a través desta ligazón.
O calendario de probas deste ano levará o circuíto aos distintos barrios da cidade. Tras a apertura na Torre de Hércules, continuará o 6 de abril en Matogrande e Xuxán. A seguinte cita será o 11 de maio en San Pedro de Visma. O 1 de xuño, Os Rosales acollerán a última proba antes da parada estival. O 14 de setembro reactivarase coa Volta a Oza, que precederá á carreira do Ventorrillo o 26 de outubro. O circuíto pecharase o 23 de novembro no barrio de Novo Mesoiro.