Collage en caixas para render tributo ás mulleres que marcan a vida cotiá

ACoruñaXa
O Concello de Miño programa para o venres 6 de marzo dous obradoiros en Callobre e en Ponte do Porco dentro das actividades polo Día Internacional da Muller
MIÑO taller collage
1 Mar 2026

Miño quere celebrar o 8M coa creatividade como fío condutor e cunha proposta pensada para todas as idades. O Concello organiza o vindeiro venres 6 de marzo dous obradoiros de collage en caixas, unha actividade concibida como espazo de creación e tamén de homenaxe, na que as persoas participantes poderán lembrar a aquelas mulleres importantes nas súas vidas.

Os talleres desenvolveranse en dúas localizacións. O primeiro terá lugar no local social de Callobre entre as 16.30 e as 18.30 horas. O segundo será no local social de Ponte do Porco, de 18.45 a 20.45 horas. Para elaborar as pezas, cada participante deberá levar fotografías, fotocopias, recortes ou calquera outro material que estea relacionado coa persoa á que queira dedicar o seu traballo ou que lla lembre.

A inscrición é obrigatoria e pode formalizarse chamando ao 981 782 659. A actividade está aberta a persoas de todas as idades, aínda que as crianzas menores de 10 anos deberán acudir acompañadas por un adulto.

As obras resultantes destes obradoiros formarán parte dunha exposición aberta ao público o domingo 8 de marzo na sala de exposicións do centro social da Rúa, onde se poderán ver as creacións realizadas ao longo da xornada.

0.13905096054077