Colectivos memorialistas convocan unha concentración en Meirás e critican o acto do Goberno

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), xunto con decenas de entidades galegas e do resto do Estado, convocan unha concentración mañá martes 2 de setembro ás 11.15 horas diante do Pazo de Meirás. O motivo é amosar o seu rexeitamento ao acto organizado pola Secretaría de Estado de Memoria Democrática, que consideran unha posta en escena propagandística sen garantías reais.
As organizacións lembran que a Lei 20/2022 de Memoria Democrática establece un procedemento claro para declarar un Lugar de Memoria, que inclúe incoación formal, publicación no BOE e medidas de protección. Denuncian que nada disto se cumpriu, malia que a CRMH xa presentara en xullo de 2024 unha solicitude avalada por 26 entidades da Iniciativa Galega pola Memoria.
Critican tamén que o Estado pretenda 'usurpar o protagonismo social e galego' na recuperación do Pazo, proceso que —destacan— foi froito do activismo memorialista e da mobilización cidadá. Por iso, reclaman compromisos efectivos sobre os usos do inmoble e a transferencia da súa titularidade e xestión a Galiza.
Outro dos puntos de desacordo é a restrición das visitas, con horarios reducidos e limitación de acceso a espazos como as torres. 'Resulta inaceptábel que hoxe se poidan ver menos zonas que cando aínda estaban en mans da familia Franco', subliñan, e lembran que no verán moitas persoas quedan sen praza pola escaseza de días dispoñíbeis.
As entidades cualifican de 'manipulación histórica' a vinculación do acto co programa 'España en Libertad. 50 años', pois o que houbo en Meirás —aseguran— foron cinco décadas de impunidade franquista. Ademais, reclaman recuperar outras propiedades espoliadas como a Casa das Cunchas ou a Casa Cornide, que seguen en mans privadas.
En definitiva, esixen que o Pazo sexa declarado Lugar de Memoria con todas as garantías legais, cun plan de usos centrado na verdade histórica e na reparación das vítimas, e que se avance na recuperación doutros bens espoliados pola familia Franco.