Coirós somete a información pública o seu Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais

O Concello de Coirós abriu o período de exposición ao público do Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, un documento técnico que marca as actuacións e prioridades para reducir o risco de lumes no municipio e protexer persoas, vivendas e infraestruturas. Durante un mes, a veciñanza poderá revisar o plan a través da Sede Electrónica e tamén consultar unha copia en papel nas dependencias municipais.
Este documento trátase dunha ferramenta que, seguindo a normativa autonómica en materia de incendios, delimita as chamadas 'faixas de xestión da biomasa', é dicir, zonas nas que é obrigatorio controlar ou retirar vexetación para evitar que o lume avance con facilidade. O documento céntrase especialmente na rede secundaria, a que busca protexer núcleos de poboación e elementos sensibles, e fixa unha franxa de referencia de 50 metros arredor do solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, ademais de recoller actuacións arredor de edificacións e instalacións situadas a menos de 400 metros do monte .
O plan tamén incorpora unha análise do risco no termo municipal e do histórico de incendios, e sitúa Coirós dentro do Distrito Forestal II Bergantiños-Mariñas Coruñesas . Para quen teña parcelas próximas a vivendas ou a núcleos, un dos puntos clave é que o anexo inclúe unha relación de parcelas afectadas, con referencias catastrais e superficie aproximada de afección, para poder comprobar se unha finca entra nalgunha das zonas onde se debe facer xestión da biomasa .