Coirós rende tributo a Rosalía cunha tarde de teatro, música e banda deseñada no Centro Social

ACoruñaXa
A cita será o venres 20 de febreiro ás 19.30 h e inclúe o espectáculo ‘Tertulia con moito tinteiro’ e a presentación da novela gráfica ‘Rosalía oculta’, de Paula Mayor
COIRÓS homenaxe rosalía
17 Feb 2026

Coirós celebrará o venres 20 de febreiro, ás 19.30 h, unha homenaxe a Rosalía de Castro no Centro Social, cun acto cultural pensado para reivindicar a figura da autora non só como referente literario, senón tamén como símbolo de dignidade e resistencia cultural.

O programa arrincará coa proposta teatral ‘Tertulia con moito tinteiro’, a cargo da agrupación Pena Furada, dirixida por Elena Couto, e contará con música en directo de Mar Rodríguez (chelo). A peza preséntase como unha homenaxe escénica á palabra e á forza de Rosalía, combinando humor, retranca e versos arredor da súa personalidade e do seu tempo.

A continuación, a xornada completará o seu carácter cultural coa presentación da novela gráfica ‘Rosalía oculta’, da man da súa autora, Paula Mayor. A obra foi recoñecida co Premio Castelao de Banda Deseñada 2023 e propón unha ollada sobre Rosalía como unha muller avanzada ao seu tempo, nun contexto social que limitaba o papel das mulleres e no que escribir e facerse escoitar non era doado.

Desde o Concello salientan que esta homenaxe quere ser tamén un chamamento a coidar a lingua e a identidade, lembrando que ‘mentres haxa alguén que lea a Rosalía, Galicia seguirá cantando’.

⚙ Configurar cookies
0.079417943954468