Coiros reivindica de novo a loita contra a violencia de xénero cun acto no Centro Social

O Concello de Coiros convoca para mañá un acto público co obxectivo de manter viva unha reivindicación que debe estar presente os 365 días do ano. Ás 12.00 horas, o Centro Social acollerá a lectura dun manifesto en contra da violencia exercida contra as mulleres, unha iniciativa coa que o municipio reafirma o seu compromiso fronte á violencia de xénero.
A xornada concluirá cun poema da autora local Loli González, que poñerá voz e sentimento a esta causa común. Desde o Concello subliñan que, pola relevancia social do evento, toda participación será benvida e sempre insuficiente ante a magnitude da problemática.
Baixo o lema 'Só hai unha forma de mirala: de fronte', Coiros chama á veciñanza a unirse nun acto simbólico pero necesario para seguir avanzando cara a unha sociedade libre de violencia machista.