Coirós impulsa a mellora paisaxística dos lavadoiros de Barreiro, Casela e Queirís

ACoruñaXa
O Concello asinou un convenio coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para financiar a posta en valor destes elementos patrimoniais como espazos de encontro social e cultural
COIROS lavadoiros
13 Nov 2025

O Concello de Coirós vén de subscribir un convenio coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para a concesión dunha subvención destinada ao proxecto 'Senlleiro' de mellora paisaxística dos lavadoiros de Barreiro, Casela e Queirís. A iniciativa enmárcase na liña de axudas dirixida á promoción e posta en valor da vida social, cultural e educativa da comarca.

O proxecto contempla actuacións integrales nestes tres lavadoiros tradicionais, co obxectivo de rehabilitar as súas cubertas, ordenar a contorna inmediata e mellorar a integración na paisaxe rural. A intervención permitirá tamén garantir unha mellor conservación da estrutura e das zonas de lavado, ademais de favorecer a accesibilidade e a seguridade para o uso veciñal.

Desde o goberno local subliñan que estes equipamentos forman parte do patrimonio etnográfico de Coirós e que, malia ter perdido o seu uso orixinal como espazos de lavado, seguen a ser lugares de memoria colectiva e de identidade para as parroquias. Coas obras de mellora preténdese revitalizar estes puntos de encontro, facelos máis atractivos para a veciñanza e potencialos como recurso cultural e turístico ligado ás rutas pola paisaxe do municipio.

O Concello agradece a colaboración de Agader e incide en que esta liña de traballo continuará noutras actuacións de recuperación do patrimonio rural, co fin de preservar a historia local e, ao mesmo tempo, mellorar a calidade dos espazos públicos das parroquias.

⚙ Configurar cookies
0.064143896102905