Coirós estrea un Punto Limpo Móbil

O Concello de Coirós presentou onte o seu novo Punto Limpo Móbil, un camión eléctrico con etiqueta 0 que estará operativo de forma itinerante nos diferentes núcleos de poboación do municipio. Este vehículo está deseñado para facilitar a recollida de residuos domésticos que non deben ser eliminados nos colectores convencionais, como pilas, electrodomésticos pequenos, tóner, envases de pintura e barnices, aerosois e xoguetes.
O alcalde de Coirós, Francisco Quintela, destacou que esta iniciativa reforza o compromiso do concello co Medio Ambiente e co correcto tratamento dos residuos urbanos. “Coa implicación dos veciños, poderemos mellorar a xestión dos desfeitos e preservar a calidade do noso entorno máis próximo”, afirmou.
O camión, cunha autonomía de 200 km, supuxo un investimento de 109.000 euros, dos que 70.000 euros proceden de fondos NEXGENERATIONUE no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea, o Goberno de España e a Xunta de Galicia.
No acto de entrega, os responsables de Grúas Betanzos, empresa encargada de adaptar o vehículo, realizaron unha demostración práctica para explicar as súas características. O Punto Limpo Móbil entrará en funcionamento a principios de 2025, facilitando o correcto tratamento de residuos e promovendo un modelo máis sostible de xestión medioambiental.