Coirós convoca o concurso de tarxetas de Nadal 2025-2026 para nenas, nenos e mocidade

ACoruñaXa
O certame, aberto ás persoas empadroadas no municipio, establece tres categorías por idades e mantén aberto o prazo de presentación ata o 9 de decembro
COIROS tarxetas nadal
25 Nov 2025

O Concello de Coirós ten en marcha unha nova edición do seu concurso de tarxetas de Nadal, correspondente ao período 2025-2026, dirixido á rapazada empadroada no municipio. A participación poderá ser tanto individual como en grupo, e os traballos deberán ser orixinais e non ter resultado premiados noutros certames.

O concurso estrutúrase en tres categorías: infantil (ata 5 anos), primaria (de 6 a 10 anos) e xuvenil (de 11 a 17 anos). Cada unha delas contará cun premio consistente en artigos de música, libraría ou material deportivo, ademais dun agasallo para todas as persoas participantes.

As postais deberán entregarse nun sobre pechado e, no seu interior, incluir outro sobre separado cos datos da autora ou autor (ou representante): nome e apelidos, idade e teléfono de contacto. Lémbrase que non se pode escribir o nome na propia tarxeta para garantir o anonimato durante a valoración.

O prazo para a admisión de traballos remata o martes 9 de decembro, mentres que a deliberación do xurado está prevista para o día 10. O tribunal estará formado por unha concelleira ou concelleiro, unha persoa técnica municipal e un membro dunha asociación do municipio. As tarxetas gañadoras daranse a coñecer publicamente e converteranse na felicitación oficial de Nadal do Concello á veciñanza.

O cartel do certame reproduce a postal gañadora da edición 2024-2025 na categoría de primaria, obra de Martina Lema González, coa que se quere animar de novo á participación. Para máis información, as familias poden dirixirse á OMIX de Coirós ou chamar aos teléfonos 981 796 088 e 628 801 576.

⚙ Configurar cookies
0.072278022766113