Coirós celebra o centenario de María Macerias Docampo, veciña de Collantres

A veciña de Collantres, María Macerias Docampo, celebrou o seu 100 aniversario coa visita do alcalde de Coirós, Francisco Quintela, que se achegou ata a súa casa natal para felicitala e entregarlle un ramo de flores e unha caixa de bombóns en nome do Concello. “É moi pouco para todo o que ti mereces”, expresou o rexedor, emocionado ante unha vida tan chea de traballo, dedicación e cariño familiar.
María naceu o 1 de abril de 1925 na mesma casa onde vive actualmente xunto á súa filla Marisa. Alí pasou un século de vida entregada á súa familia, ao coidado do fogar e ás labores do campo. Con motivo do seu aniversario, o propio día da celebración reuníronse vinte familiares nun encontro cargado de emoción. “Estaba tan nerviosa que case non dormiu a noite anterior”, conta a súa filla.
Casada desde 1951 con Manuel Pedreira, tamén veciño de Coirós, María tivo dous fillos, tres netos e, desde hai dous anos, goza do agarimo do seu bisneto Carlos, que lle cantou o “feliz aniversario” e amosou unha devoción absoluta pola súa “Bis”, como a chama con tenrura. Un sentimento que é totalmente recíproco, pois María non agocha o seu amor polo máis pequeno da casa de “Os de Pedreira”.
Aínda que desde hai tres anos utiliza cadeira de rodas debido á perda de forza nas pernas, María conserva a mente lúcida e unha enerxía vital que se reflicte no seu sorriso constante. Asegura que non sente dor, aínda que perdeu algo de apetito. Iso si, non perdeu a capacidade de contaxiar felicidade coa súa presenza.
A historia de María é a dunha muller galega que representa toda unha xeración marcada pola dedicación, o esforzo e o amor pola familia. Coirós rendeulle unha merecida homenaxe, celebrando non só os seus cen anos, senón tamén unha vida exemplar que segue a inspirar ás novas xeracións.