COGAMI remata o Programa Integrado de Emprego superando o 60% de insercións na Coruña e Ourense

ACoruñaXa | OurenseXa
O programa contou coa participación de 54 homes e 46 mulleres inscritas nas oficinas que COGAMI ten en Ourense, A Coruña, Ferrol e Pontevedra
Ana Vanessa, usuaria Programa Integrado de COGAMI en Ourense
Ana Vanessa, usuaria do Programa Integrado de COGAMI en Ourense
5 Nov 2024

COGAMI remata o Programa Integrado de Emprego de Galicia 2023-2024, dirixido a mellorar a empregabilidade de persoas con discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33% ou con incapacidade laboral para a súa profesión habitual. Financiado pola Consellería de Promoción do Emprego, Comercio e Emigración e o Servizo Público de Emprego Estatal, o programa acadou un éxito notable ao inserir o 64% das 100 persoas participantes: 15 inseridas en Ourense e en Ferrol, 18 en Pontevedra e 16 en A Coruña.

Dende a área de Emprego de COGAMI, a súa coordinadora, Mari Carmen Ínsua, destaca que o programa “superou amplamente o obxectivo inicial de inserción laboral, que era do 40%”. Ínsua pon en valor estes resultados que ve como “moi positivos, pois as persoas con discapacidade teñen maiores dificultades de incorporación ao mercado laboral e, aínda que houbo persoas que non acadaron o obxectivo de inserción, é moi favorable o seu contacto co mercado laboral”.

O programa contou coa participación de 54 homes e 46 mulleres inscritas nas oficinas que COGAMI ten en Ourense (onde foron seleccionadas 26 persoas para este programa), en Ferrol (participando 25 persoas), en Pontevedra (23 persoas seleccionadas) e en A Coruña que contou con 26 persoas participantes. Todas melloraron as súas opcións de inserción laboral grazas á formación adaptada ás necesidades do mercado laboral e máis de 400 horas de capacitación teórica en temáticas como atención ao cliente, mantemento de instalacións, control de accesos, técnicas administrativas e ofimática.

Ademais da formación teórica, os participantes realizaron 50 horas de prácticas en empresas, o que lles permitiu adaptarse ás necesidades reais do mercado. A formación completouse con asesoramento en habilidades sociais, técnicas de coaching e intelixencia emocional para afrontar entrevistas e fomentar o emprendemento. Dende COGAMI, Mari Carmen Ínsua pon en valor “a implicación das empresas contactadas que solicitaron candidaturas para cubrir postos de traballo e tamén para colaborar na realización das prácticas formativas”.

Persoas participantes

A oficina de COGAMI en Ourense seleccionou a 26 persoas: 2 do Concello de O Pereiro de Aguiar, 1 de San Cibrao das Viñas, 5 de O Barco de Valdeorras, 9 de Ourense, 2 de Xinzo de Limia, 1 de O Carballiño, 1 de Vilamartín de Valdeorras, 1 de Verín, 1 de Quintela de Leirado, 1 de Celanova, 1 de Barbadás e 1 de A Merca. Todas estas persoas seleccionadas dentro do Programa Integrado son entrevistadas polo persoal técnico de inserción laboral para coñecer as súas capacidades e aqueles aspectos a traballar coa persoa candidata á hora de afrontar un posto de traballo.

Ana Vanessa Rodríguez Lorenzo, beneficiaria do programa en Ourense
Ana Vanessa Rodríguez, natural do Barco de Valdeorras, foi unha das participantes seleccionadas para o Programa Integrado de Emprego en Ourense. Tras obter a incapacidade laboral na súa antiga profesión de comercial no sector da automoción, con 45 anos, enfrontouse ao reto de reorientar a súa carreira. “Era necesario buscar novas saídas profesionais adaptadas á miña situación”, comenta, tras superar unha grave patoloxía lumbar.

Ao poñerse en contacto co Servizo de Emprego de COGAMI, Ana Vanessa soubo do Programa Integrado e decidiu unirse para recibir unha nova orientación laboral. “A orientadora axudoume a analizar a miña situación e atopar un novo enfoque dentro da miña experiencia e formación”, explica. Agora, centrada na docencia, comparte os seus coñecementos colaborando na formación doutras persoas participantes no programa.

“Estes programas son fundamentais, mesmo para a saúde mental, porque fante sentir capaz de novo e abren novas perspectivas laborais cando xa non podes exercer a profesión que tiñas”, conclúe Ana Vanessa, recoñecendo o impacto positivo desta experiencia na súa vida profesional e persoal.

0.2142059803009