COGAMI impulsa a inclusión social en Galicia a través do seu programa Rede de Voluntariado

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Máis de 50 persoas participan nas accións formativas e de apoio en toda Galicia, promovendo a igualdade de oportunidades para persoas con discapacidade
Imaxe de volunatriado de COGAMI en Lugo
19 Ago 2024

COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) está a desenvolver durante este ano o programa Rede de Voluntariado, unha iniciativa que se enmarca na Liña VI de Actuacións destinadas ao voluntariado e que conta co financiamento da Xunta de Galicia. Este apoio económico provén dos fondos recadados a través do 0,7% do IRPF, aportados por aquelas persoas que marcaron o recadro de Actividades de Interese Social, coñecido como X Solidaria.

O obxectivo principal deste programa é fomentar a participación activa das persoas con discapacidade como voluntarias, promovendo a súa visibilidade social. Ademais, o programa tamén busca fortalecer as competencias das persoas xestoras e voluntarias, mellorando así a eficiencia e a calidade dos servizos que se ofrecen a este colectivo.

Con actuacións en toda Galicia, o programa involucra a 57 persoas entre voluntarios e xestores de accións de voluntariado. Entre as accións destacadas, inclúese a formación especializada e o acompañamento práctico individualizado para aquelas persoas con discapacidade que precisan de apoios específicos para desenvolver a súa actividade de xeito autónomo.

COGAMI, a través de iniciativas como esta, reafirma o seu compromiso coa igualdade e a inclusión, traballando para que todas as persoas, independentemente das súas capacidades, poidan participar plenamente na sociedade.

0.1639609336853