Club Taekwondo Sada: 'Entrar nunha final mundial e estar entre os oito mellores do mundo sería obxectivo cumprido'


O Club Taekwondo Sada converteu a palabra Mundial nun punto de chegada e, á vez, nun novo punto de partida. A clasificación internacional non se sostén só nun resultado concreto, senón nun modelo construído desde a escola e a continuidade. O club conta con 360 licenzas en 2025, catro clasificacións para o Campionato do Mundo e un total de dez deportistas preparados para competir.
A estrutura do club é un dos seus sinais de identidade. Non só polo tamaño, senón polo enfoque: traballa as catro modalidades do taekwondo (técnica, combate, exhibición e freestyle), unha aposta que obriga a ordenar a casa con método. A adestradora e codirectora Sabela Lonja resúmeo así: ‘Temos o club dividido de dúas formas: por un lado están os competidores e polo outro están os practicantes’. Na base, insiste, o obxectivo é formar sen queimar etapas: ‘Intentamos que os deportistas enfoquen o taekwondo desde o xogo e desde a educación física’.
En Sada, a porta de entrada é igual para todos. ‘Todo o mundo comeza nas clases xerais’, onde se constrúe a base técnica antes de pensar en resultados. Só despois chega o salto aos equipos de competición, un paso que, como lembra Sabela, ‘hai que chegar cun nivel’. A especialización enténdese como consecuencia, non como atallo.
O modelo apóiase tamén na constancia do día a día. ‘A escola está aberta de luns a sábado’, con clases para todas as idades, grupos de competición por modalidades e opcións para adultos. É un ritmo que permite convivir á canteira co alto rendemento, e que converte o club nunha pequena estrutura deportiva que non se apaga a metade de semana.

Cando o obxectivo é internacional, a esixencia sobe un chanzo máis. ‘O grupo de competición ten que ter a súa vida á disposición do deporte’, explica Sabela. Fala de disciplina, descanso e alimentación, e dun calendario que ocupa fins de semana e festivos. Mesmo no Entroido entra esa negociación: ‘este ano, conta, non o puideron librar porque o campionato caía esa mesma semana’.
A preparación mental forma parte do mesmo paquete. No club compítese desde idades temperás (hai nenos de 2, 3 e 4 anos nas clases e a competición arrinca arredor dos 7), o que fai que rutinas precompetición e manexo do estrés se interioricen pronto. Pero o discurso é realista: ‘O resultado non depende só de ti. Os demais tamén adestran’. A meta é render ao máximo sen que o marcador dite o valor do traballo.
No plano colectivo, o club subliña o valor dos títulos por equipos. Proclamarse campión de España por clubs, sinala Sabela, foi ‘o máximo orgullo posible’ dentro deste tipo de competicións, e lembra que ‘conseguir entrar no podio era un obxectivo primordial’ nunha entidade grande que tamén se entende como referencia para outros clubs.
A outra cara do alto rendemento é a financiación. Sabela apunta o respaldo institucional: ‘desde o Concello temos bastante apoio’, pero lembra que o sostén real pasa polas cotas familiares e pola procura constante de colaboradores, como a clínica 4Ces. E resume unha realidade común no deporte: ‘Os cartos sempre son un recurso escaso e sempre fai falta máis’.
O Mundial multiplica o esforzo: ‘1.000 euros, polo menos’ por neno, cunha estadía de 15 ou 20 días e axudas limitadas. Por iso o club recorre a rifas e vendas para recadar, coa idea de que a clasificación non quede nun titular, senón que poida converterse en presenza real no tapiz internacional.
No deportivo, a ambición fórmúlase cun listón concreto. ‘Cada posto que escalas é un triunfo’, porque enfronte hai países que ‘traballan como deportistas profesionais’. Con ese contexto, o obxectivo que marca o Club Taekwondo Sada é tan esixente como medible: ‘Entrar nunha final mundial e estar entre os oito mellores do mundo sería obxectivo cumprido’.
