Claudia López leva o nome de Aranga ao máis alto na Moexmu 2026

ACoruñaXa
A moza da gandería López Fontela gañou o Concurso Internacional de Xóvenes Preparadores de Gando e pechou a feira cun novo recoñecemento en Muimenta
moexmu-2026-clausura
13 Apr 2026

Claudia López, da gandería López Fontela de Aranga, converteuse nun dos nomes propios da Moexmu 2026 ao facerse co primeiro premio no Concurso Internacional de Xóvenes Preparadores de Gando, celebrado no marco dunha das citas agroandeiras de referencia do calendario galego. A feira desenvolveuse entre os días 10 e 12 de abril no recinto Manuel Vila de Muimenta, en Cospeito.

A representante aranguesa impúxose no certame de preparadores por diante de Bruno Bande, de Finca Airavella, e de Samuel Fernández, de Casa Pozo, nun concurso organizado polo Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia e xulgado por Julián Rodríguez Pérez. Este certame está orientado a que a mocidade amose a súa habilidade na preparación dos animais para a súa presentación en pista e a reforzar o relevo xeracional no sector.

O éxito de Claudia López non quedou aí. A moza de Aranga tamén foi elixida mellor manexadora no XLV Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores, celebrado o domingo, nunha nova mostra do seu nivel nunha especialidade na que xa viña sumando bos resultados nos últimos tempos. Nesa segunda competición, o podio completárono Helena Castro Iglesias e Bruno Bande López.

O dobre recoñecemento sitúa a Claudia López como unha das figuras destacadas desta edición da Moexmu e supón tamén un motivo de orgullo para Aranga e para unha explotación que volve poñer en valor a presenza da xente nova no mundo gandeiro. A propia feira incidiu este ano no protagonismo da mocidade como garantía de futuro para o rural.

0.12417888641357