Cinco días de cambios nos trens con destino ou saída da Coruña por obras entre Lugo e Monforte

ACoruñaXa
Renfe activará un plan alternativo por estrada entre o 22 e o 26 de abril que afectará a varios servizos de Media Distancia da liña A Coruña, Ourense, Monforte e Lugo
Renfe
10 Apr 2026

Os servizos ferroviarios con saída ou chegada na Coruña sufrirán modificacións temporais entre o 22 e o 26 de abril por mor das obras de mellora que Adif executará na infraestrutura entre Monforte de Lemos e Lugo. A actuación obrigará a Renfe a reorganizar a circulación nesta conexión e a substituír por transporte por estrada parte dos percorridos en varios trens de Media Distancia.

A compañía explica que os traballos son incompatibles coa circulación ferroviaria nese treito, polo que habilitará un plan alternativo para garantir a mobilidade das persoas usuarias. No caso das conexións que afectan directamente á Coruña, veranse alterados catro servizos. O MD 12644, con saída da Coruña ás 7.05 horas e chegada prevista a Ourense ás 10.49 horas, fará transbordo por estrada entre Rábade e Ourense. O MD 12641, con saída de Monforte ás 7.30 horas e chegada á Coruña ás 10.13 horas, realizará o traxecto por estrada entre Monforte de Lemos e Rábade.

Tamén cambiará o funcionamento do MD 12642, que parte da Coruña ás 19.35 horas e chega a Monforte ás 22.26 horas, con transbordo por estrada entre Rábade e Monforte. A maiores, o MD 12646, con saída de Ourense ás 19.50 horas e chegada á Coruña ás 23.31 horas, fará por estrada o tramo entre Ourense e Rábade.

Durante eses días tamén haberá cambios noutros servizos entre Ourense, Monforte e Lugo, así como no Alvia entre Lugo e Madrid. En total, o dispositivo alternativo abrangue 40 servizos de Media e Longa Distancia afectados polo corte temporal da infraestrutura.

Renfe sinala que as persoas viaxeiras poden tramitar cambios e anulacións sen custo nos servizos afectados. A compañía lembra ademais que nos traxectos por estrada non estará permitido viaxar con animais de compañía. A información xa está dispoñible nas canles habituais de venda e atención ao público.

0.11523389816284