Científicos cítanse no CETIM en Culleredo para o lanzamento do proxecto RECOBATs

CETIM Technological Centre reuniu nas súas instalacións de Culleredo a 11 entidades de toda España para o lanzamento de RECOBATs, un proxecto no que traballarán durante 48 meses para crear unha estratexia integral de reciclaxe de baterías que abarque toda a cadea de valor, desde a fabricación ata a xestión dos seus compoñentes ao final da súa vida útil.
RECOBATs busca dar resposta aos principais retos da transición cara á mobilidade eléctrica, especialmente ao incremento da demanda de baterías e materias primas estratéxicas. Só en España, no último ano, producíronse 323.255 vehículos electrificados, segundo datos da asociación ANFAC. Porén, China continúa sendo o líder mundial, con 6,7 millóns de vehículos eléctricos fabricados en 2024, representando o 65 % das vendas globais, segundo o informe da consultora PwC.
Esta tendencia está directamente relacionada co acceso ás terras raras, materiais indispensables para a fabricación de baterías debido ás súas propiedades únicas. China non só é o principal produtor mundial destes elementos, senón que controla o 95 % da oferta global, o que xera unha forte dependencia doutros países, como Sudáfrica e Rusia. Unha interrupción no seu subministro podería ter graves consecuencias para a fabricación de vehículos eléctricos e outras tecnoloxías emerxentes.
Ante este contexto, xorde a necesidade de desenvolver novos modelos de xestión e reciclaxe de baterías ao final da súa vida útil para soster o crecemento da mobilidade eléctrica e a descarbonización da economía. O obxectivo de RECOBATs é desenvolver unha estratexia integral e versátil para a segunda vida e o reciclado de baterías de ións de litio. O proxecto investigará tecnoloxías en todas as etapas do proceso: loxística, transporte seguro, desactivación, desensamblado automático, rexeneración e reciclaxe directa mediante separación selectiva para recuperar elementos como cátodo, ánodo, cobre e aluminio; así como reciclaxe indirecta para recuperar materiais estratéxicos.
O consorcio científico está liderado polo CETIM Technological Centre e conta coa participación de AIMEN, Centro Ibérico de Investigación en Almacenamento de Enerxía (CIIAE) e CSIC-CENIM. A nivel empresarial, ECOINTEGRAL coordina a agrupación na que participan Apria Systems, BeeCYCLE, DGH, Envirobat, FCC Ámbito e Recyclia, cubrindo toda a cadea de valor: recollida, desensamblado, análise de estado, prolongación da vida útil, recuperación de materiais e visualización do proceso.
Cristina Martínez, responsable da área de ECO BIO Tecnoloxías de CETIM e do proxecto, sinalou: "Como centro especializado en sustentabilidade e economía circular, contribuiremos coa nosa ampla experiencia en recuperación electroquímica e biolóxica de metais presentes en residuos como as baterías, e a súa posterior purificación e testeo en compoñentes de celdas electroquímicas". Ademais, destacou que as investigacións incluirán técnicas como a biohidrometalurxia, a separación selectiva de ánodos e cátodos, a síntese de novos cátodos e o Análise de Ciclo de Vida e Custos, fundamentais para avaliar o impacto ambiental e económico dos materiais desde a súa orixe ata o final da súa vida útil.