Cheo absoluto na charla sobre detección temperá do cancro de mama en Irixoa

O Local Social da Graña, na parroquia de Ambroa, en Irixoa, quedou pequeno para acoller a charla sobre prevención e detección temperá do cancro de mama impartida por Joaquín Mosquera Osés, coordinador da Unidade de Mama do CHUAC e radiólogo no Hospital San Rafael. A asistencia superou todas as previsións e non deron chegado as cadeiras, nunha mostra do interese da veciñanza por contar con información clara e rigorosa.
Mosquera insistiu na importancia de participar nos programas de cribado, acudir ás revisións periódicas e coñecer as pautas de autoexploración, lembrando que detectar a tempo aumenta notablemente as opcións de tratamento con éxito. No encontro, promovido polas Xuntas Locais da AECC de Irixoa, Aranga, Paderne e Vilarmaior, tamén se puxo o foco na realidade da enfermidade en Galicia e na provincia da Coruña, así como no labor da AECC no apoio ás pacientes e na investigación oncolóxica.