Chega a sexta edición de 'Bergondo en Feminino' para visibilizar as mulleres do municipio

O programa 'Bergondo en feminino', impulsado pola Concellería de Servizos Sociais do Concello de Bergondo para visibilizar as mulleres do municipio, chega en 2025 á súa sexta edición. Este ano, o foco estará na difusión e implicación de diversos axentes sociais, co obxectivo de dar a coñecer os recursos xerados polo programa e apoiar a súa aplicación en diferentes contextos sociais e educativos.
Unha das principais accións previstas para este 2025 é un taller en liña dirixido ao profesorado de Bergondo e doutros municipios. A actividade terá lugar o xoves 13 de marzo, de 17.00 a 19.00 horas, e nela presentaranse os materiais didácticos creados ao longo dos anos para visibilizar a historia das mulleres. Durante a sesión, o profesorado terá a oportunidade de explorar en grupo as posibilidades de integrar este traballo nas aulas de todos os niveis educativos. As inscricións están abertas a través do seguinte formulario na web municipal: Formularios de inscrición.
Ademais deste taller, o programa contempla a realización de rutas e obradoiros de sensibilización en materia de xénero co alumnado de Educación Secundaria do CPI Cruz do Sar durante os meses de abril e maio. Estes talleres terán como obxectivo fomentar a reflexión e a comprensión sobre a importancia da igualdade de xénero nas novas xeracións.
O 'Bergondo en feminino' tamén se está expandindo a outros sectores como o económico, cultural e turístico. A través de espazos de presentación e diálogo, o programa busca implicar á administración local e ao tecido empresarial no fomento da igualdade de xénero.
Paralelamente, estase a preparar o acto final da edición de 2025, do que se ofrecerán máis detalles proximamente. Este acto pechará unha nova edición dun programa que foi recoñecido a finais de 2023 pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero no VII Concurso de boas prácticas locais contra a violencia sobre as mulleres.
Creado en 2019, 'Bergondo en feminino' ten como obxectivo rescatar e visibilizar a historia das mulleres pioneiras de Bergondo, moitas veces esquecidas, que loitaron para abrir o camiño para as liberdades e dereitos que desfrutamos hoxe en día. Entre as iniciativas do programa destacan o renomeamento de sete centros sociais do Concello con nomes de veciñas ilustres, a realización de rutas centradas nas figuras das mulleres homenaxeadas, e a creación dun mapa virtual interactivo para poñer en valor a vida de 15 bergondesas.
O proxecto, que segue a medrar e a incorporar novas accións, reafirma o compromiso de Bergondo co fomento da igualdade e a visibilización das mulleres en todos os ámbitos sociais.