Chanel, Luna Ki e Supremme de Luxe actuarán este verán no Atlantic Pride


Tres grandes divas da escena musical actual veñen de confirmar a súa presencia na quinta edición do Atlantic Pride. Chanel, Luna Ki e Supremme de Luxe súmanse ao cartel do festival coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, que encherá de música e cor a cidade da Coruña do 7 ao 14 de xullo de 2024. A cita anuncia así tres novos nomes, que viaxarán do pop á música disco, da electrónica á bachata, do eurodance ao trap-pop, entre moitos outros sons, a ritmo dos temas máis explosivos e marchosos, para non defraudar aos seus fans.
No seu cartel, ademais destas tres artistas, está tamén confirmada a presencia das estrelas eurovisivas Nebulossa, Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez, ademais de figuras que pisan forte na nova escena galega, como Mondra, Sila Lúa, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo. Moi pronto, o Atlantic Pride dará a coñecer o seu cartel completo con últimas confirmacións no seu programa previsto para este 2024.
Deste xeito, o Atlantic Pride 2024 acollerá a presentación en directo do primeiro traballo discográfico de Chanel Terrero, '¡Agua!', que viu a luz o pasado mes de xaneiro. Na cita non faltará o seu temazo 'SloMo', que acadou o flamante terceiro posto no Festival de Eurovisión 2022 celebrado en Turín, ou 'Clavaíto', a sonada colaboración da artista xunto a Abraham Mateo estreada en 2023. Chanel actuará no Atlantic Pride da Coruña a velada do sábado 13 de xullo, nos Xardíns de Méndez Núñez.
Doutra banda, Luna Ki chegará á Coruña para reinterpretar as bases do pop a través da fusión de sons como o new wave, o eurodance, o afrobeat ou o trap-pop, coa presentación no Atlantic Pride do seu novo EP 'Generación de cristal'. O traballo é un retrato irónico e emocional da Xeración Z, no que Luna Ki reivindica a fraxilidade como fortaleza e a hipersensibilidade como arma para expresar sentimentos reprimidos. A noite do venres 12 de xullo, tamén no escenario dos Xardíns de Méndez Núñez, a artista abordará, entre outros, temas tan comúns da Xeración Z como o poliamor, os impulsos autodestructivos, a construción do ego, o sexo...
Mentres, unha das encargadas de dar o pistoletazo da saída desta quinta edición do Atlantic Pride o domingo 7 de xullo será nada máis e nada menos que Supremme de Luxe. A celebrada drag, presentadora de 'Drag Race España e de Drag Race España: All Stars', encherá de descaro e diversión a Fundación Luis Seoane durante a xornada de inauguración do festival.
O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, o Concello da Coruña e Turismo da Coruña, co patrocinio principal de Estrella Galicia, Xunta de Galicia e Globalgrafic.
