Chamamento en Culleredo a frear os vertidos no rural con recollida gratuíta de enseres e uso do punto limpo

O Concello de Culleredo volve poñer o foco nos vertidos incontrolados de residuos no rural do municipio e fai un chamamento a empregar os servizos gratuítos dispoñibles para evitar estas prácticas. O goberno local sinala que, a través da vixilancia das forzas de seguridade municipais e coa colaboración da veciñanza, detectáronse novos casos en camiños illados pero accesibles con vehículos, en parroquias como Ledoño, Sésamo ou Sueiro, entre outros puntos.
O último episodio, rexistrado esta mesma semana, continúa baixo investigación despois de que un veciño alertase da presenza dunha furgoneta cuxos ocupantes estarían a realizar un vertido. O Concello insiste en que a colaboración cidadá é clave para localizar condutas sospeitosas e achegar indicios que permitan identificar ás persoas responsables.
A administración local condena estas accións por supoñeren un prexuízo ambiental e por degradaren paraxes naturais que considera patrimonio común. Ademais, lembra que poden implicar sancións de ata 3.000 euros.
Como alternativa, o Concello lembra que existe un servizo gratuíto de recollida a domicilio de mobles e enseres, xestionado polo Consorcio As Mariñas, no teléfono 981 795 524, onde se pode concertar cita. Neste servizo pódense entregar residuos de madeira (mobles, caixas, táboas), metais (de ferro e non ferro), electrodomésticos e aparellos eléctricos e electrónicos (lavadoras, frigoríficos), así como equipos de audio e vídeo, televisores, ordenadores, impresoras e periféricos, ademais doutros como colchóns e somieres. A maiores, tamén está dispoñible o punto limpo gratuíto situado en Sésamo.
A preocupación por estes vertidos foi, de feito, unha das cuestións trasladadas pola asociación O Val de Culleredo na reunión mantida este mes co alcalde, José Ramón Rioboo, un encontro no que o Concello indica que compartiu a inquietude polo impacto destas prácticas.