César De Centi actuará na Fábrica de Oleiros este sábado 24 de febreiro
O cantante coruñés César De Centi actuará no auditorio da Fábrica o próximo sábado 24 de febreiro ás 20.30 horas como parte do XI Ciclo de Música: Voces cálidas para noites de inverno enmarcado na programación cultural do Concello de Oleiros.
As entradas poñeranse á venda o día do concerto no propio auditorio a partir das 19.30 horas, ata completar a capacidade da sala a un prezo de 4,00 euros.
César De Centi é un músico, cantautor, cancionista coruñés con máis de vinte anos de escenarios e habitual da escena galega e nacional do xénero. Conta con actuacións en festivais de prestixio (Noroeste Estrela Galicia, SantiAutor, BarnaSants, Vai de Camiño) e no circuíto nacional da canción de autor (Liberdade 8, Galileo Galilei, A Fídula). En 2008 gravou o seu primeiro disco, 'Principios e declaracións'.
'A luz dos xigantes', o seu segundo disco editado en 2013, foi financiado mediante unha campaña de crowdfunding, conseguindo o obxectivo no primeiros catorce días grazas a 200 mecenas. 'Bailando o incendio' foi gravado na Palleira Estudos (O Incio), coa produción a cargo de Xabier Vizcaíno e con colaboracións do propio Vizcaíno ou de Fito Mansilla (Warner Music). Este disco nútrese da tradición clásica da canción de autor, absorbe diversos estilos e influencias contemporáneas para finalmente conformar un traballo cheo de beleza e tamén de singularidade.
En xaneiro de 2022 levou a cabo unha xira por Arxentina, desde Buenos Aires a Córdoba, Rosario ou Humahuaca, xunto a Tato López e Emiliano Del Río, cun total de oito concertos.
O seu último traballo é un disco en directo titulado 'César de Centi en vivo no Teatro Colón', de 2023. Trátase dun resumo dos seus vinte anos de carreira, gravado no prestixioso teatro Colón da Coruña, con presentación en formato banda e invitados, que supuxo o inicio dunha xira a escala nacional.