Centros de Lugo, Burela, Monforte, A Coruña e Ourense gañan o InnovaTech FP

LugoXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Os centros coas iniciativas premiadas, reciben 10.000 euros para o desenvolvemento do proxecto
Innovatech-FP
18 Jun 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, presidiu  a entrega de premios da primeira edición do certame InnovaTech FP a centros de Vigo, A Coruña, Ferrol, Burela, Lugo, Monforte de Lemos e Ourense, un programa que sinalou como “revolucionario para o apoio da formación tecnolóxica e dixital dos futuros profesionais, ao tempo que redunda positivamente no tecido produtivo”.

Os centros con iniciativas premiadas, dotadas cada unha con 10.000 euros para o desenvolvemento do proxecto, son o CIFP Politécnico de Lugo (Lugo), IES Perdouro (Burela), IES A Pinguela (Monforte), CIFP Imaxe e Son (A Coruña), IES A Sardiñeira (A Coruña), CIFP Portovello (Ourense), o CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo), IES Politécnico de Vigo (Vigo), CIFP Ferrolterra (Ferrol).

Entre os proxectos, crearon un sistema tecnolóxico para o coidado activo e preventivo de persoas maiores, unha colección téxtil reciclada e robots para o reparto de recambios en talleres de automoción O titular do departamento educativo galego explicou que o programa naceu este curso para poñer de manifesto a importancia de responder ás necesidades reais do tecido produtivo apoiándose na innovación tecnolóxica e no emprendemento, retando aos estudantes a resolver as propostas das empresas.

“As propostas premiadas son pioneiras e un exemplo do gran potencial que atesoura a nosa FP para contribuír a dar un salto de calidade tecnolóxico e innovador ao tecido produtivo galego”, destacou. Román Rodríguez puxo tamén en valor a importancia do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros como polo tractor das iniciativas xurdidas ao abeiro do programa. De feito, poranse a disposición do alumnado as instalacións e medios materiais humanos do centro para facilitar o desenvolvemento destes proxectos avanzados no eido tecnolóxico e industrial e a transferencia de coñecemento aos sectores produtivos.

InnovaTech FP dirixiuse a centros públicos de FP con dinámica de investigación, innovación e emprendemento, e que contan con viveiros de empresas ou aulas de emprendemento. Os participantes, organizados en equipos multidisciplinares e cunha distribución equitativa de xénero, tiveron que afrontar a solución de 10 retos tecnolóxicos presentados por distintas empresas referentes da nosa comunidade, e cuxas solucións deberán ter un impacto positivo no desenvolvemento do medio rural así como no fomento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16423678398132