Centros da Coruña e Culleredo recibiron os premios Innovatech FP

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presidiu a entrega de premios da segunda edición do certame InnovaTech FP a centros da Coruña, Culleredo, Ferrol, Lugo, Vilalba, Maceda, Ourense, Xinzo de Limia, Pontevedra e Vigo. O acto desenvolveuse no Centro Integrado de FP Universidade Laboral, en Culleredo, coa presenza de aproximadamente 500 persoas entre as que se encontran os alumnos e alumnas participantes nos retos, os seus profesores e representantes das empresas colaboradoras.
O titular do departamento educativo da Xunta, que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, puxo en valor o potencial innovador da FP galega, co Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros. “Hai unhas semanas tivemos a oportunidade de coñecer proxectos de gran interese na feira FP Innova, na que se expoñen os mellores traballos dos centros neste eido, e hoxe coñecemos 20 propostas totalmente novas para dar resposta a retos tecnolóxicos reais propostos por algunhas das empresas máis solventes de Galicia”. “Que os alumnos de FP, coa colaboración dos docentes, sexan quen de elaborar solucións solventes é unha clara mostra de que algo se están a facer ben nas aulas”, incidiu.
Neste sentido, destacou o éxito de InnovaTech, “en cuxa primeira edición participaron 10 empresas, nesta segunda foron 20 e moitas delas repetiron”, dixo Román Rodríguez. “A través deste tipo de iniciativas fortalecemos a relación entre a FP e o tecido produtivo, imprescindible tanto para que os estudantes coñezan a realidade do mundo laboral, como para que as empresas conten con profesionais coa maior cualificación”, sinalou o conselleiro. “Así mesmo, promovemos o emprendemento entre os máis novos, dado que os gañadores van poder agora intentar facer realidade as súas propostas”, explicou.
Román Rodríguez quixo felicitar aos estudantes e docentes participantes, un 50% máis ca na primeira edición, “pola capacidade de facer fronte ao retos e traballar en equipo para crear propostas que lle dean solución”. “Estou seguro de que esta forma de enfrontarvos ás dificultades vos vai ser moi útil no futuro en todas as facetas da vosa vida”, afirmou.
Enmarcado na Estratexia de FP Galicia 2030 e no Plan Innova FP Galicia, o programa InnovaTech FP ten como obxectivo a innovación tecnolóxica e o emprendemento industrial no ámbito da FP, así como promover a creación de empresas de base tecnolóxica entre os estudantes. Para iso, as 20 empresas participantes propuxeron outros tanto retos tecnolóxicos aos estudantes, que debían darlles resposta a través de solucións innovadoras cun impacto positivo no desenvolvemento do medio rural, así como no crecemento sustentable da sociedade. Os estudantes traballaron en equipos multidisciplinares con distribución mixta de xénero.
Deste xeito, búscase a integración de habilidades e coñecementos complementarios, así como a promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Participaron arredor de 1.000 alumnos e 240 profesores, que conformaron 243 equipos de 72 centros de Formación Profesional (28 centros integrados de FP e 45 institutos).
Os estudantes recibiron formación específica en Desing Thinking, e os 60 equipos que chegaron á fase especial recibiron ademais formación específica en Produto mínimo viable e Comunicación estratéxica, formacións que lles axudaron a desenvolver as súas ideas, realizar o prototipado das mesmas e expoñelas ante a comisión de selección.
O Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros prestou apoio e orientación aos grupos de traballo no desenvolvemento dos seus proxectos. Ademais, os gañadores contarán coa área de emprendemento industrial deste centro para a súa transformación nunha realidade comercial viable.
Centros premiados
A Coruña e Culleredo contan con centros premiados:
RETO 5: FINSA. Valorización das cinzas resultantes da combustión da biomasa
CENTRO PREMIADO: IES A Sardiñeira (A Coruña)
SOLUCIÓN PROPOSTA: Transformación das cinzas industriais en materiais innovadores baseados en xeopolímeros e aeroxeis, xerando produtos sostibles como ladrillos, tellas e paneis con excelentes propiedades illantes e refractarias.
RETO 11: Repsol. Sistema de análise preditiva para equipos críticos na industria química
CENTRO PREMIADO: CIFP Universidade Laboral (Culleredo)
SOLUCIÓN PROPOSTA: Sistema preditivo para mantemento de equipamento industrial mediante datos de vibración simulados empregando técnicas de intelixencia artificial, superando a limitación que supón a falta de datos reais. O sistema facilita a monitorización e a planificación do mantemento industrial.
RETO 18: Quescrem. Optimización da xestión de lodos orgánicos obtidos na produción de biogás
CENTRO PREMIADO: IES A Sardiñeira (A Coruña)
SOLUCIÓN PROPOSTA: Optimización da xestión dos residuos da produción de queixo mediante un triple enfoque, o aumento da produción de biogás con bacterias metanoxénicas, o uso do dixestato para rexenerar zonas queimadas e fabricación de ladrillos orgánicos empregando fungos.
RETO 20: Boaga. Solución dixital para a automatización das medidas zootécnicas do gando
CENTRO PREMIADO: IES Urbano Lugrís (A Coruña)
SOLUCIÓN PROPOSTA: Sistema portátil e autónomo para medir parámetros zootécnicos en gando vacún mediante análise de imaxes capturadas por un sistema de cámaras. Utiliza intelixencia artificial para determinar as dimensións do animal. O sistema non require de conexión a internet, e conta con alimentación solar.