Centos de veciños apoian a Javier Gestal fronte á ruptura do goberno municipal

Centos de veciñas e veciños concentráronse diante do Concello para mostrar o seu apoio ao alcalde Javier Gestal, elixido por maioría absoluta, tras a decisión de tres concelleiros da súa lista de apoiar ao candidato do PP, Mouriño. O ambiente foi festivo, pero tamén de indignación e protesta pola ruptura do goberno local.
Durante a concentración, Gestal agradeceu o apoio da cidadanía e asegurou: 'Vémonos de novo no 2027', en referencia ás próximas eleccións municipais. As pancartas mostraban mensaxes como 'Os nosos votos non se venden' ou 'poiamos a quen votamos', amosando o rexeitamento á acción dos concelleiros que, segundo os presentes, perverteron a vontade popular.
O presidente da Alternativa, Ángel García Seoane, acusou aos tres concelleiros de asestar un golpe á democracia e roubarlle aos veciños a súa elección, destacando a xestión de Gestal como 'un home sensible, honrado e servidor dos seus veciños'. Pola súa banda, os membros restantes do equipo de goberno comprometéronse a seguir vixiando a actividade municipal e atendendo á cidadanía como sempre.
A concelleira Natalia Cañás fixo un chamamento aos asistentes para acudir ao próximo pleno, que se celebrará o día 10, no que se consumará a decisión que alterará a alcaldía. 'Van botarnos da alcaldía, pero nós podemos ir coa cabeza ben alta e eles non', afirmou, lembrando que a súa maioría fora lexítima e que seguirán defendendo os intereses do pobo.