Centos de persoas participan en 'Oficios en Acción', a festa da artesanía no Ágora

O Centro Sociocultural Ágora acolleu unha nova edición de 'Oficios en Acción', a festa da artesanía organizada polo Concello da Coruña en colaboración coa Asociación Galega de Artesáns. Ao longo de toda a xornada, centos de persoas achegáronse para participar nas actividades, obradoiros e demostracións en vivo, nun evento pensado para divulgar, preservar e poñer en valor os oficios artesanais galegos.
A iniciativa, enmarcada nas políticas culturais do Goberno municipal que lidera Inés Rey, consolídase como unha cita de referencia na cidade para a promoción da artesanía e do tecido creativo local.
Durante o día, as diferentes aulas do Ágora convertéronse en espazos de aprendizaxe nos que o público puido descubrir e experimentar con diversas técnicas artesanais: encadernación xaponesa, creación de xoiería en cera, elaboración de pezas cerámicas coa técnica Kurinuki ou traballo en coiro foron só algunhas das propostas que se ofreceron.
A concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, destacou o valor didáctico e participativo da xornada, sinalando “a importancia de seguir creando espazos que permitan á cidadanía achegarse aos oficios artesáns e recoñecer o seu valor como parte do noso patrimonio cultural”.
A ampla variedade de obradoiros, repartidos en cinco aulas, permitiu a participación de públicos de todas as idades. Familias con nenos, persoas interesadas no mundo da artesanía e mesmo profesionais do sector compartiron un día de aprendizaxe, intercambio e inspiración.
Desde a organización lembran que, debido ao éxito de participación e á limitación de prazas, é recomendable realizar a inscrición previa para futuras edicións a través da web oficial da Asociación Galega de Artesáns.