Centos de persoas gozaron do II Maratón Teatral en Ordes

O auditorio María del Carmen Regueira Amor, situado na Casa da Cultura de Ordes, encheuse de vida e entusiasmo con motivo da celebración do II Maratón Teatral Concello de Ordes, unha cita que congregou a centos de persoas arredor do teatro e das artes escénicas.
A xornada, celebrada, contou cunha destacada participación local. As veciñas e veciños de Ordes foron protagonistas sobre o escenario, recibindo numerosos aplausos e ovacións por parte do público. Entre os grupos participantes destacou a compañía Abaixo o Telón, cunha presenza activa tanto na sesión matinal como na de tarde. Os integrantes máis novos abriron o maratón coa representación de O Chirimbolo, mentres que pola tarde, o resto do grupo interpretou dúas pezas: Romeo e Xulieta e Mergullarse na auga.
Xa na recta final do evento, a Escola Municipal de Teatro de Ordes puxo o broche de ouro coa obra Meigas Fóra. Ademais, como grupo convidado sumouse ao programa a Escola de Teatro APA As Mariñas, ampliando así a variedade de propostas escénicas ofrecidas ao público.
O II Maratón Teatral Concello de Ordes é unha iniciativa que nace da colaboración entre as ANPAS dos colexios Castelao e Campomaior e o propio Concello de Ordes, co obxectivo de fomentar a cultura e dar visibilidade ao talento teatral da comarca.