Centos de persoas gozaron da 50ª Festa da Empanada en Carral

Carral celebrou o pasado 4 de setembro a 50ª edición da súa tradicional Festa da Empanada, un dos eventos gastronómicos máis esperados do municipio e un referente en toda a comarca. As longas ringleiras diante dos postos das catro panadarías participantes (Panadería Mercedes, Panadería Pedro Fernández, Panadería Cañás e Panadería Da Cunha) foron a imaxe máis destacada da xornada, na que centos de persoas se achegaron para degustar esta delicia carralesa.
Os asistentes tiveron a oportunidade de escoller entre múltiples variedades de empanada, incluíndo bonito, bacallau con pasas e polbo, entre outras opcións. A pesar de que a cifra final de vendas aínda non se coñece, as panadarías implicadas redobraron esforzos para igualar os números do ano pasado, cando se despacharon 12.000 racións.
O alcalde, Javier Gestal, destacou a importancia desta cita e o traballo dos panadeiros e panadeiras: ‘Sen o esforzo destes profesionais sería imposible manter a empanada como un dos estandartes de Carral, que continúa a ser un dos produtos estrela xunto co pan’.
Ademais da degustación gastronómica, o público puido gozar da música de Faíscas da Pontagra, Arnela e Xacarandaina, completando así unha xornada de celebración que combina tradición, gastronomía e cultura local.