Celébranse na EASD da Coruña as VIII Xornadas de Arte e Deseño Bisiona
A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, deu o pistoletazo de saída ás VIII Xornadas de Arte e Deseño Bisiona, que se celebran con motivo do 175º aniversario da Escola de Arte e Superior de Deseño (EASD) Pablo Picasso da Coruña.
Durante a súa intervención, destacou o "talento do pasado, presente e futuro" que caracteriza este centro como un motor cultural e creativo de Galicia.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou o firme compromiso da Xunta coa mellora continua da formación na Escola Pablo Picasso, co obxectivo de seguir fomentando o talento e a capacidade innovadora do seu alumnado.
Neste sentido, resaltou a oferta educativa plurilingüe que imparte a escola, con dous ciclos superiores en Dourado, Prateado, Policromía e Ilustración. "Queremos reforzar as ensinanzas artísticas en Galicia, combinando profesionalización co mantemento e fortalecemento da nosa identidade cultural", apuntou a directora xeral. Ademais, lembrou que, desde este curso, os estudantes das ensinanzas artísticas superiores gozan da gratuidade na matrícula.
175 ANOS DE HISTORIA
A Escola Pablo Picasso cumpre este ano 175 anos de historia, consolidándose como un referente no ámbito cultural. Ao longo deste tempo, importantes artistas pasaron polas súas aulas, entre eles Román Navarro, Lolita Díaz Baliño, Ángel Senra, María Barbeito ou Santiago Casares Quiroga.
Pérez destacou que o prestixio do centro radica na súa capacidade de proporcionar aos seus estudantes as ferramentas necesarias para convertirse en grandes profesionais, ao tempo que contribúe ao crecemento do tecido cultural e creativo da comunidade.
As VIII Xornadas de Arte e Deseño Bisiona, que se desenvolven entre o 22 e o 24 de xaneiro, teñen como obxectivo conectar ao alumnado co sector profesional das artes e do deseño.
Durante estas xornadas, destacados profesionais de distintas disciplinas como ilustración, dourado, fotografía, deseño gráfico, deseño de interiores, cerámica e escultura compartirán as súas experiencias e proxectos co alumnado, ofrecendo unha visión ampla do panorama artístico e creativo.
A programación tamén contará coa actuación da Aula de Saxofón do Conservatorio Superior de Música da Coruña, que amenizará os descansos con pezas contemporáneas. Todas as actividades se celebrarán no salón de actos da escola, co acceso aberto ao público ata completar o aforo.