CCOO racha coa última oferta da patronal e deixa o convenio do bus interurbano coruñés sen sinatura

ACoruñaXa
A central rexeita a proposta tras consultar á afiliación e a mediación no Consello Galego de Relacións Laborais camiña a pecharse sen acordo, nun sector xa fracturado entre sindicatos
A CORUÑA folga buses ccoo
23 Feb 2026

A negociación do convenio do transporte de viaxeiros por estrada na provincia da Coruña suma un novo xiro. CCOO decidiu este luns, 23 de febreiro, rexeitar a última proposta da patronal e, con ela, non asinar un novo convenio colectivo, segundo confirmaron fontes sindicais.

A decisión chega despois dun proceso interno de consultas á afiliación e deixa a negociación encamiñada a un peche formal da mediación sen acordo nos próximos días, cando está previsto un encontro para asinar a acta final do procedemento.

Un conflito enquistado e con división sindical

O ‘non’ de CCOO agranda a fenda dun conflito que xa viña quente. O preacordo previo alcanzado entre patronal, UGT e CCOO foi rexeitado pola maioría da plantilla, nunha votación na que se contabilizaron 831 votos en contra e 336 a favor.

Mentres, UGT optou por outra vía e asinou un convenio extraestatutario de eficacia limitada, ao que as persoas traballadoras poden adherirse de forma voluntaria. O sindicato defende que este texto incorpora, entre outras medidas, xornada anual de 1.800 horas e subas do 3,4% para 2025 e 2026, ademais de pluses por xornada continua e por traballar en festivos.

Pola súa banda, a CIG mantivo un rexeitamento frontal ao preacordo e elevou a presión na rúa, incluíndo accións como un peche de delegados na sede da patronal para denunciar o bloqueo das conversas.

Os sete puntos cos que CCOO quería ‘desatascar’ a negociación

CCOO xustifica o seu rexeitamento en que a proposta empresarial non cumpre as expectativas da afiliación e mantén sobre a mesa o seu paquete de sete medidas para intentar destrabar o conflito. Entre elas, destaca:

  • Aclarar por escrito cando se considera xornada continua e cando partida, e como se aplica ao persoal con servizos discrecionais.
  • No caso de acompañantes, que a xornada compute desde que se sobe ao autobús ata que se baixa, garantindo contratos mínimos de dúas horas ao día.
  • Mellorar a compensación dos festivos, co 75% de incremento e, en datas sinaladas (24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro), un 125% ou descanso equivalente.
  • Fixar 1.800 horas anuais, ampliar dous días os asuntos propios e publicar cadrantes e descansos con 30 días de antelación.
  • Subas salariais do 3,5% para 2025 e do 4% para 2026, e xubilación parcial con contrato de remuda a elección da persoa traballadora.

Agora, coa negativa de CCOO e coa mesa partida en varias estratexias, o sector entra nunha nova fase na que o horizonte inmediato pasa por pechar a mediación e ver se existe unha nova proposta que permita recompoñer a negociación.

0.083727836608887