CCOO pide recuperar a xubilación especial aos 64 anos no convenio da limpeza da provincia

ACoruñaXa
O sindicato diríxese ás partes asinantes para que rectifiquen a supresión do artigo, unha medida que considera clave nun sector moi feminizado e con alta parcialidade
LIMPIEZA XENERICA
7 Mar 2026

CCOO do Hábitat reclamou ás organizacións sindicais e empresariais asinantes do convenio colectivo da limpeza de edificios e locais da provincia da Coruña que corrixan o texto e reincorporen o artigo da xubilación especial aos 64 anos nos mesmos termos nos que figuraba no convenio anterior.

A secretaria xeral de CCOO do Hábitat Galicia, Alejandra Gesto, remitiu un comunicado ás partes asinantes (CIG, UGT e as patronais provincial e estatal) no que traslada a súa 'profunda preocupación' pola eliminación do citado artigo, un feito que cualifica de 'enorme gravidade' polas características do sector.

Segundo expón o sindicato, a xubilación especial aos 64 anos é unha ferramenta fundamental para as persoas traballadoras da limpeza, un ámbito no que, aseguran, hai unha elevada presenza de mulleres, porcentaxes moi altas de contratación a tempo parcial e unha carga física importante ao longo da vida laboral. CCOO advirte tamén de que a continuidade desta modalidade esixe que a referencia figure nos convenios posteriores a 2013 para poder seguir aplicándose.

No escrito, a federación insta a que se faga unha rectificación inmediata mediante unha acta de corrección que permita recuperar o artigo. CCOO vincula ademais esta demanda coa proximidade do 8 de marzo, ao considerar que non se pode falar de igualdade se se eliminan instrumentos que melloran as condicións de xubilación nun sector maioritariamente feminino.

0.12244820594788