CCOO move ficha para reactivar o convenio do bus interurbano na provincia da Coruña

Comisións Obreiras trasladou á mesa de negociación do convenio do transporte de persoas viaxeiras por estrada da provincia da Coruña un paquete de sete propostas coas que pretende abrir unha vía de saída ao conflito que se arrastra desde hai meses. A central explica que os cambios buscan mellorar o texto do preacordo inicial, que foi tumbado en votación polo persoal, e defende unha solución ‘definitiva’ fronte a outras alternativas que circulan na negociación.
Segundo detalla CCOO, a última reunión deixou as propostas enriba da mesa á espera de que o empresariado dea unha resposta. Mentres tanto, o sindicato mantén o foco na mediación e reclama que se convoque unha nova cita no Consello Galego de Relacións Laborais para retomar as conversas con prazos e compromisos claros.
Entre as medidas expostas por Comisións Obreiras figuran cambios para evitar interpretacións dispares sobre a organización do traballo. O sindicato pide que o convenio delimite con precisión cando unha quenda se considera xornada continua e cando é partida, unha cuestión que afecta ao cobramento de complementos, e tamén que quede regulado como se aplica ao persoal con servizos discrecionais.
A proposta incorpora tamén melloras en tempo de traballo e descanso. CCOO reclama que a xornada do persoal acompañante compute desde que sobe ao autobús ata que baixa, garantindo contratos mínimos de dúas horas diarias. Ademais, formula que os festivos se paguen cun incremento do 75 % e que en datas sinaladas (24 e 25 de decembro, 31 de decembro e 1 de xaneiro) o aumento sexa do 125 % do salario base máis os pluses non variables (ou descanso equivalente).
No apartado xeral, Comisións Obreiras propón fixar a xornada anual en 1.800 horas, engadir dous días máis de asuntos propios e obrigar a publicar cadrantes e descansos con 30 días de antelación. Xunto a isto, inclúe unha suba salarial máis intensa que a pactada anteriormente e que a xubilación parcial con contrato de remuda quede á elección das persoas traballadoras.
O movemento de CCOO prodúcese nun contexto de forte tensión sindical e empresarial, con mobilizacións recentes e acusacións cruzadas polo bloqueo do proceso.