CCOO mobilízase para esixir xustiza na devolución do IRPF dos antigos mutualistas

Comisións Obreiras (CCOO) realizou unha mobilización este 20 de febreiro, diante da Delegación do Goberno en Galicia, co fin de reclamar xustiza na devolución do IRPF dos antigos mutualistas. Nesta convocatoria participaron pensionistas de toda Galicia que denunciaron o cambio de criterio por parte do Executivo central, que está a xerar discriminacións e agravios comparativos entre as persoas afectadas, polo que urxe a aplicación de medidas correctoras. Na concentración, á que acudiu a secretaria xeral do sindicato, Amelia Pérez, esixiuse a devolución das cantidades pagadas de máis polas persoas pensionistas que cotizaron ás antigas mutualidades laborais.
Nos días previos a esta mobilización, a Federación de Pensionistas de CCOO realizou asembleas informativas por toda Galicia explicando a situación, que parte dun recente cambio normativo. E é que, tras diversas sentenzas na súa contra, a AEAT recoñeceu a comezos de 2024 o dereito das persoas pensionistas a reduciren unha porcentaxe da súa base impoñible do IRPF, en función das cotizacións realizadas ás antigas mutualidades entre 1967 e 1978 (un 25 % da parte correspondente da pensión) e as anteriores a 1967 (100 %).
Porén, unha disposición incluída na reforma fiscal aprobada polas Cortes Xerais deixa sen efecto as solicitudes de devolución que non estivesen resoltas antes do 22 de decembro do 2024. Isto obriga as persoas nesta situación a faceren reclamacións ano a ano ata o 2028.
CCOO critica que este cambio de criterio se realizase sen diálogo cos sindicatos, xerando inseguridade xurídica e agravios comparativos entre as persoas pensionistas: mentres algunhas xa recibiron a devolución íntegra, outras deberán iniciar de novo o proceso e percibilo de forma fraccionada, sen garantías sobre posibles compensacións polo atraso.
Por todo isto, CCOO esixe a reforma inmediata do procedemento para garantir unha devolución xusta e en pagamento único do IRPF cobrado en exceso, evitando que determinadas persoas queden excluídas de forma arbitraria.