CCOO denuncia as agresións padecidas por traballadores do CHUAC

A Secretaría de Saúde Laboral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia traslada as agresións padecidas por traballadores do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), onde un enfermeiro foi apuñalado e un vixilante de seguridade sufriu cortes na mesma acción. Desde o sindicato rexeitan estas conductas e solidarízanse cos profesionais afectados e agardan a súa "total recuperación canto antes".
CCOO leva anos alertando da crecente exposición a riscos que padecen as persoas traballadoras do sector sanitario e do ámbito da seguridade privada nos hospitais, sen que se adopten medidas eficaces para garantir a súa integridade.
O sindicato esixe que se reforcen as medidas de seguridade nos hospitais galegos, especialmente nas áreas de urxencias, pois é onde se concentran a maior parte das agresións. Tamén a dotación de máis persoal de seguridade con formación específica en xestión de conflitos no ámbito sanitario.
Canto á prevención, Comisións pide protocolos "efectivos" para actuar fronte a episodios violentos, sen esquecer a dotación de material de protección adecuado como chalecos anticorte para o persoal de seguridade.
CCOO demanda ter centros de traballo seguros, "unha realidade á que non poden ser alleos os hospitais e demais centros sanitarios, onde cada día acoden milleiros de persoas en toda Galicia". Neste sentido, o sindicato pide que as persoas "que cada día coidan da nosa saúde" poidan contar coas "garantías para a axeitada protección da súa integridade física e a súa propia saúde", conclúe o sindicato.