CCOO convoca unha concentración en Madrid para reclamar garantías de emprego no Grupo Losán

ACoruñaXa
A protesta será o 5 de febreiro fronte ao Ministerio de Facenda e busca presionar para que as administracións se impliquen nun plan industrial viable
CURTIS losan manifa
23 Jan 2026

CCOO do Hábitat vén de anunciar unha concentración en Madrid o vindeiro 5 de febreiro de 2026, ás 12.00 horas, fronte ao Ministerio de Facenda, para reclamar a garantía dos postos de traballo e a viabilidade real do proxecto industrial do Grupo Losán, histórico conglomerado madeireiro fundado en 1964 en Curtis.

Segundo o sindicato, a compañía xera máis de 800 empregos directos e está inmersa nun proceso de negociación no que participan a banca, a SEPI, os acredores e tamén as achegas dos gobernos autonómicos de Galicia, Castela e León e Castela-A Mancha. Losán conta con implantación en Curtis, Vilasantar e A Coruña, ademais de centros en Soria e Zamora, Ciudad Real e Cuenca, e presenza internacional nos Estados Unidos, Países Baixos e Romanía.

CCOO denuncia que ao cadro de persoal de empresas do grupo (entre elas Industrias Losán, Tableros Losán ou COMETA) aínda se lle adebedan as nóminas de novembro e decembro de 2025, así como a paga extra de Nadal. Nese contexto, lembra que o 7 de xaneiro de 2025 o Xulgado do Mercantil número 3 da Coruña emitiu a homologación xudicial do plan de viabilidade (con horizonte ata 2031) tras unha negociación cos acredores.

O sindicato sostén que agora debe existir un compromiso institucional liderado polo Goberno central para coordinar ás comunidades autónomas implicadas e garantir un plan industrial con garantías, tanto para o emprego como para a actividade económica. Tamén advirte de que rexeita calquera saída que pase por peches, despedimentos ou desmantelamento industrial, e esixe transparencia, rendición de contas e un compromiso explícito coa continuidade do proxecto.

A mobilización convocouse baixo o lema ‘En defensa do mantemento dos postos de traballo no Grupo Losán e a viabilidade real dun proxecto industrial’.

⚙ Configurar cookies
0.11539196968079