CCOO carga contra a alcaldesa da Coruña polo seu apoio a unha nova universidade privada

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CCOO) manifestou o seu rexeitamento frontal á creación dunha nova universidade privada en Galicia, impulsada por Cesuga baixo o nome de Universidade Emilia Pardo Bazán, e criticou duramente o apoio da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, ao proxecto. A organización sindical cualificou a postura da rexedora de "incoherente" coa liña política do seu propio partido, que desde o Goberno central aposta por limitar a proliferación destas institucións privadas.
A polémica xurdiu tras a participación de Inés Rey, o pasado 30 de abril, nun acto institucional no Pazo de María Pita para dar a benvida aos impulsores da nova universidade. Segundo denuncia o sindicato, tratouse dunha "recepción oficial" promovida polo propio Concello, cun xantar incluído no histórico edificio, o que consideran un acto público de apoio institucional. CCOO considera "especialmente grave" que a alcaldesa «empregue os recursos e o prestixio institucional do Concello da Coruña para impulsar un proxecto empresarial privado, en detrimento das universidades públicas que vertebran o sistema educativo galego».
A organización lembra que Galicia conta actualmente con tres universidades públicas —Santiago, Vigo e A Coruña— que veñen reclamando desde hai anos un mellor financiamento para manter e mellorar a súa capacidade docente e investigadora. «En lugar de pedir o reforzamento do sistema público, o Concello da Coruña está alentando un modelo universitario onde habería tres institucións públicas e dúas privadas», denuncian.
CCOO vai máis alá e cualifica a actuación de Inés Rey de "indecente", xa que implica "poñer unha institución pública ao servizo de intereses mercantís, en lugar de defender o ben común e o dereito a unha educación superior pública, de calidade e accesible".
Tamén rexeitan que se presente a creación dunha universidade privada como un "proxecto de cidade", como proclamou a alcaldesa. Para o sindicato, a educación superior "non pode entenderse como un produto máis do mercado", e recordan que a Universidade da Coruña, con preto de 14.000 estudantes repartidos entre os campus da Coruña e Ferrol, é unha institución que vai máis aló do ámbito municipal.
"As institucións públicas teñen o deber de defender o ensino público como garante da igualdade de oportunidades, non de amparar iniciativas que responden a intereses empresariais", insisten.
A nivel estatal, CCOO mostra o seu apoio ás medidas do Goberno para endurecer os requisitos de creación de universidades privadas, como contar cun número mínimo de estudantes, titulacións e capacidade de aloxamento equivalente ao 10 % das prazas ofertadas. Consideran que estas medidas son necesarias para evitar a aparición de "chiringuitos educativos" que comprometen a calidade e o prestixio do sistema universitario español.