Catro ouros para a UDC no campionato galego universitario de natación

A Universidade da Coruña asinou unha actuación destacada no ‘Campionato Universitario de Natación Xunta de Galicia’, celebrado o martes 24 de febreiro na piscina de 25 metros da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física (INEF), con cronometraxe manual. A cita reuniu a preto de 80 deportistas das tres universidades públicas galegas.
O equipo da UDC regresou coa colleita máis brillante do seu medalleiro grazas a catro títulos: dous para Pablo Gómez Limia, que se impuxo no 200 libre (1:56.78) e no 100 libre (53.23), e un máis para Alejandro Vázquez Liz no 100 braza (1:06.63) e para Antonio Sánchez Vázquez no 50 bolboreta (26.75).
A representación coruñesa completou unha longa lista de podios con pratas para Celtia Balado Peña (50 bolboreta), Noelia Vilarnovo Suárez (200 libre e 100 bolboreta), Andrea Rúa Costoya (50 braza), Javier Pontón Rodríguez (50 bolboreta) e Mario Maneiros Paz (100 estilos), ademais de bronces para Antonio Sánchez (50 libre), Mario Maneiros (200 libre) e Inés Fernández (100 libre).
Na clasificación xeral por universidades, a USC proclamouse campioa, por diante da UVigo, mentres que a UDC acadou a terceira posición. A xornada pechouse coa entrega de premios, coa presenza de responsables universitarios e representantes do deporte galego.
A programación dos Campionatos Deportivos Universitarios ‘Xunta de Galicia’ continúa este xoves 26 de febreiro coa disciplina de vela no Centro Galego de Vela de Vilagarcía de Arousa, cun máximo de 12 tripulacións mixtas de catro integrantes e opción de acceder ao campionato estatal en Cádiz.