Catro decenas de asociacións de Cambre denuncian máis de catro anos de atrasos nas subvencións e reclaman medidas urxentes

Arredor de corenta asociacións veciñais, culturais e deportivas de Cambre fixeron público un comunicado no que expresan a súa “profunda preocupación” polo retraso de máis de catro anos no cobro das subvencións e convenios municipais. As entidades alertan de que a situación é 'insostible', porque obriga a reducir programas e, nalgúns casos, poñer en pausa a actividade, ao tempo que denuncian o abandono e a falta de mantemento de instalacións deportivas e culturais municipais.
No documento, as asociacións reclaman regularizar de inmediato os pagos pendentes, publicar un calendario transparente de aboamentos e poñer en marcha un plan urxente de mantemento e mellora das dotacións. Tamén piden abrir un canle estable de diálogo co Concello e un compromiso institucional real co tecido asociativo para garantir a súa continuidade a longo prazo.
Pola súa banda, o goberno local sostén que se trata dun problema herdado de anos e lembra que leva cinco meses á fronte do Concello, en minoría (4 de 21 edís). O executivo convocou unha reunión conxunta coas entidades para expor datos, escoitar demandas e explicar en que punto quedaron os expedientes e tamén salienta que vén de reforzar servizos técnicos con novas incorporacións.