Catas e retirada parcial de cachotaría na Capela de San Roque para afondar nas causas das fendas

A Capela de San Roque afronta esta semana unha intervención puntual, de carácter técnico, coa que o Concello de Sada busca coñecer con maior precisión o estado real do inmoble e o alcance das fendas que xa se aprecian desde o exterior. A brigada municipal de Obras e Servizos iniciou este martes pequenas actuacións que inclúen a retirada parcial da mampostería e a realización dunha cata para comprobar como se atopa a cimentación.
Segundo trasladou o goberno local, estes traballos prolongaranse ao longo dos vindeiros días e servirán de apoio aos arquitectos responsables do proxecto de rehabilitación, ao permitir obter máis información sobre o comportamento estrutural do edificio e sobre as patoloxías detectadas.
A actuación conta coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio e, tal e como recollía o permiso, está a ser supervisada en todo momento por unha empresa de arqueoloxía. O Concello enmarca estas tarefas dentro do proceso de preparación da reforma integral prevista para a capela, un inmoble protexido no que se pretende actuar para asegurar a estabilidade e mellorar o seu estado de conservación, respectando o seu valor patrimonial.
A finais de xaneiro, o Concello xa avanzara que o proxecto contempla medidas para corrixir os problemas estruturais, con actuacións no terreo e nos muros afectados polas fendas, ademais doutros traballos de recuperación do edificio, cun orzamento inicial de 376.000 euros.