Castrillón: sen máis metros de edificación, pero con novos espazos verdes

O equipo técnico do 'API Q28 — Parque de Oza' mantivo hoxe sendas reunións informais coas asociacións veciñais O Cruceiro e A Gaiteira para pormenorizar o borrador do PERI e o documento de inicio da Avaliación Ambiental Estratéxica. O próximo luns haberá encontro coa Asociación de Veciños do Castrillón.
A Xunta de Compensación, que agrupa á maioría dos propietarios do ámbito (máis do 50% son particulares do propio barrio), asegura que o proxecto non aumenta a edificabilidade establecida no PXOM de 2013: 136.704,50 m². En contrapartida, o plan incorpora de xeito voluntario e significativo máis superficie de zonas verdes e espazo público que o requerido polo Plan Xeral.
As propostas céntranse en 'humanizar' o barrio: redeseñan tramos da rede viaria e prevese un bulevar na Avenida de Casanova de Eirís para mellorar a conexión coa Ronda de Outeiro e co Parque de Oza. Co asesoramento de AGREGA (arquitectos, paisaxistas e urbanistas), optouse por concentrar parte da edificabilidade en tres torres —en lugar dos tradicionais volumes en manzana— para liberar espazos públicos, crear retranqueos útiles e xerar prazas e paseos máis accesibles para a veciñanza.
A Xunta de Compensación lembra ademais as achegas históricas: hai dúas décadas os propietarios cederon miles de metros cadrados que foron determinantes para a creación do Parque de Oza (máis de 55.000 m²), o Centro Deportivo coa súa piscina (case 5.000 m²) e terreo para a ampliación do instituto Monelos (840 m²). Tamén se destinaron superficies para mellorar vías: 3.600 m² para apertura en Rúa Antonio Ríos, 3.300 m² para Avda. da Concordia e 4.300 m² para Casanova de Eirís.
O proxecto pon o acento na mobilidade branda e nos espazos de socialización: os retranqueos e as zonas peonís permitirán renaturalizar o tecido urbano e dar continuidade ao Parque de Oza cara ao interior do Castrillón. Ademais, pretende cumprir a regra 3–30–300: tres árbores visibles a 3 m, espazos verdes nun radio de 30 m e un gran parque a menos de 300 m da vivenda.