Castelo prepárase para unha década de música, humor e tradición co Castelo Conta 2025

A parroquia cullerdense de Castelo ten todo listo para acoller a nova edición de Castelo Conta, o festival de comedia, música e tradición oral que conta coa colaboración do Concello de Culleredo. Esta décima edición, impulsada por Xosé Antonio Touriñán e polos veciños e veciñas de Castelo, ofrecerá unha programación especial que encherá de vida a parroquia durante dez días, do venres 22 ao domingo 31 de agosto.
O festival presenta propostas para todos os públicos, con actividades abertas e outras de acceso mediante entrada. Como en edicións anteriores, a música, o humor e a gastronomía serán os grandes protagonistas. A cita comezará o venres 22 de agosto coas actuacións de Carlos Núñez e Peter Sélek no Monte Xalo, un dos espazos centrais desta edición.
O día grande terá lugar o sábado 30 de agosto, cun percorrido a pé polas aldeas de Castelo que incluirá paradas para escoitar historias e que culminará cun gran espectáculo de humor dirixido por Touriñán, coas actuacións de David Amor, Lucía Veiga, Quico Cadaval ou Javier Veiga.
Entre as novidades destacan o auditorio natural de Monte Xalo, con capacidade para 500 persoas, onde o público poderá gozar de concertos de artistas como Carlos Núñez, Sés, Ortiga ou Tanxugueiras. A programación musical complétase coas actuacións de 9Louro e The Rapants nos Vermús na Taberna, unha proposta que combina música con gastronomía, coas tapas de recoñecidos cociñeiros galegos como Jorge Trigo, Bego Vázquez, Kike Piñeiro ou Eloy Cancela.
O festival inclúe tamén unha gran foliada, o estrear do documental “Buscando a nova regueifa” e encontros cos veciños e veciñas de maior idade, que compartirán as súas historias en distintos puntos da parroquia como Monte Xalo, Castelo de Abaixo ou Vilaverde.