Case 4000 persoas participaron na XVII edición do Coruña 21

A cidade da Coruña acolleu hoxe a XVII edición do Coruña 21, unha das probas máis emblemáticas do calendario deportivo anual. A cita congregou un total de 3.971 participantes entre as dúas modalidades: 1.977 atletas competiron na media maratón, mentres que 1.994 persoas tomaron parte na carreira de 5K, que complementa os 21 quilómetros.
Por primeira vez na historia do evento, a participación feminina superou á masculina na proba de 5K, con 1.038 mulleres fronte a 956 homes. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou este fito e expresou o seu desexo de que “deixe de ser unha novidade para converterse nunha tradición”. Os resultados da proba están dispoñibles na web www.carreirasgalegas.com.
A xornada arrancou ás 9.30 horas no Obelisco, punto de partida dun percorrido que atravesou os Cantóns, as avenidas de Ramón y Cajal e Salvador de Madariaga, e os peiraos, antes de rodear as praias de Riazor, Orzán e o Matadoiro. O treito final levóu aos corredores por Santo André e Porta Real ata a meta, situada novamente no Obelisco.
A entrega de premios contou coa presenza da alcaldesa e do concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez. Vanessa Carvalho e David Korichei proclamáronse vencedores da media maratón nas categorías feminina e masculina, cun tempos de 1:14:57 e 1:04:04, respectivamente.
“Xornadas como a de hoxe amosan que A Coruña é sinónimo de deporte, e o compromiso do Goberno municipal é o de seguir apoiando aos clubs que forman parte do tecido deportivo da cidade. Tamén melloraremos e ampliaremos as infraestruturas existentes, tanto en recintos cubertos como ao aire libre. Así o seguiremos a facer ao longo deste ano”, sinalou a alcaldesa.
Tanto Inés Rey como Manuel Vázquez destacaron os bos datos de inscrición e participación nesta edición e lembraron que en apenas un mes comezará o circuíto de carreiras populares Coruña Corre 2025. A primeira proba do calendario, a carreira da Torre de Hércules, celebrarase o 15 de marzo, e as inscricións xa están abertas.