Case 400 persoas participarán na primeira proba da Liga Galega de Orientación a Pé en Culleredo

O Concello de Culleredo será o escenario da primeira proba da Liga Galega de Orientación a Pé, organizada por Gallaecia Raid, o sábado 15 de febreiro. A competición desenvolverase nos arredores do monte da Zapateira, entre os municipios de Culleredo e A Coruña, cun inicio programado para as 10.30 horas. Segundo a organización, a proba conta cunha cifra de participación récord, con case 400 persoas inscritas.
Os participantes dividiranse en nove categorías masculinas, nove femininas e dous niveis de iniciación (longo e curto), segundo a idade e o percorrido que deben realizar. Os gañadores e gañadoras serán aqueles deportistas que completen o percorrido no menor tempo posible, para o que será imprescindible unha boa lectura do mapa, a elección das mellores rutas e unha gran precisión á hora de atacar os controis.
No total, participaran 385 persoas, destacando o incremento na participación feminina, con 100 inscritas, achegándose ao número de participantes masculinos, que suman 143. Tamén chama a atención o elevado número de deportistas nas categorías de iniciación, con 142 persoas repartidas entre as probas curtas e longas, un dato que reflicte o traballo de base realizado polo club Gallaecia Raid.
A entrega de trofeos está programada para as 13.30 horas no Bar Abuel@. Durante a cerimonia, entregaránse os premios aos primeiros clasificados das categorías Senior Masculina e Feminina, mentres que o resto dos gañadores recibirán as súa condecoracións a medida que vaian completando o percorrido.