Case 400 expedientes en marcha en Culleredo para obrigar á limpeza de fincas

ACoruñaXa
O municipio busca minimizar o risco de incendios forestais e reforza o control das faixas secundarias con 6.000 notificacións enviadas
Imaxe da xestión da biomasa en Culleredo
22 Aug 2025

Culleredo tramita actualmente un total de 398 expedientes relacionados coa obrigatoriedade de limpar fincas privadas que non foron acondicionadas polos seus propietarios. Trátase dunha medida amparada pola lexislación autonómica, que ten como obxectivo reducir o perigo de incendios forestais.

A maior parte destes procedementos iniciáronse a raíz de denuncias de veciños colindantes, seguindo o protocolo establecido. Dos casos rexistrados, 99 atópanse nestes momentos en tramitación. Os técnicos municipais realizan inspeccións e, cando é necesario, recorren á publicación en boletíns oficiais para localizar aos titulares, especialmente nos supostos de herdanzas complexas.

Nas notificacións, o Concello detalla as actuacións que deben levar a cabo os propietarios, incluíndo unha valoración provisional dos traballos. En caso de execución subsidiaria, o custo repercutirase aos donos en función do gasto real. Ademais, segundo a ordenanza municipal, o incumprimento pode derivar en sancións de ata 750 euros se se considera infracción leve, e do dobre cando se califique como grave polo risco que supón.

O alcalde, José Ramón Rioboo, fai un chamamento á colaboración cidadá para cumprir os prazos e evitar situacións de perigo. “Estamos nun contexto de alto risco e cómpre extremar as precaucións”, subliña.

En paralelo, a finais do pasado ano o Concello emitiu unhas 6.000 notificacións relativas á xestión da biomasa nas faixas secundarias, tras as inspeccións realizadas pola Xunta. Estas franxas, situadas arredor de vivendas, infraestruturas e equipamentos, deben manterse libres de especies prohibidas e con limpeza axeitada, segundo marca a lei 3/2007 de prevención de incendios. A súa correcta conservación considérase unha medida clave para frear a propagación das lapas en zonas sensibles.

⚙ Configurar cookies
0.19537115097046