Casa Segundo impónse na Semana do Pincho de Betanzos co seu 'Kausay á Galega'

Casa Segundo, o establecemento betanceiro popularmente coñecido como Café de Segundo, proclamouse gañador da Semana do Pincho de Betanzos 2025 grazas ao seu 'Kausay á Galega', unha creación que combina raíces peruanas con produto e sabor galego. O local impúxose na final aos outros catro candidatos ao mellor pincho: Restaurante Cho, Casa do Queixo, Restaurante Casanova e La Travesía Vinos.
A XIV edición da Semana do Pincho celebrouse entre o 28 de novembro e o 7 de decembro nos establecementos de hostalaría inscritos do municipio, nunha iniciativa promovida polo Concello de Betanzos co apoio doutras entidades para poñer en valor a gastronomía local, apoiar a hostalaría e atraer público ao centro urbano nestas datas previas ao Nadal.
Nesta ocasión participaron 12 locais, dos que o xurado profesional seleccionou cinco propostas finalistas despois dunha primeira fase de catas no edificio Arquivo (Liceo). A final celebrouse o domingo 7 de decembro, tamén no Arquivo, nunha degustación aberta ao público na que o panel de expertos valorou a presentación, a orixinalidade e o sabor de cada creación antes de anunciar o veredicto.
O pincho gañador, defendido por Sheila Delgado e Iván Quintáns, foi definido polos organizadores como unha fusión de cociña peruana e galega. O 'Kausay á Galega' elabórase con pataca, lima, ají amarelo, aceite, polbo, pementón, sal, coandro, ovo, maionesa, aguacate, cebola e allo, combinados nun bocado de inspiración andina adaptado ao gusto atlántico. Segundo destacou o xurado, trátase dun petisco especialmente coidado e saboroso, no que a calidade dos ingredientes e a elaboración minuciosa marcan a diferenza.
O resto de finalistas tamén apostaron por creacións moi persoais: Restaurante Cho presentou un 'bocadiño' de froitos do mar con prebe romesco e alioli de chipirón; Casa do Queixo competiu co seu 'Bocado do País', baseado en produto tradicional; Restaurante Casanova levou á final o pincho 'Aloumiño'; e La Travesía Vinos fixo o propio cun taco de carne de porco estalada, coñecido como 'Taco de Torresco'.
Durante os días que durou a Semana do Pincho, os locais participantes serviron as súas creacións en horario de mañá e tarde, cun prezo máximo de tres euros por ración, tal e como recollen as bases do certame. Ademais do premio do xurado, a clientela puido votar o seu petisco favorito mediante boletos selados en cinco establecementos diferentes ou a través da aplicación GastroBetanzos, entrando así en sorteos de experiencias gastronómicas en restaurantes da Biosfera, lotes de produtos e vales de 50 euros para consumir nos locais mellor clasificados. O resultado do premio popular anunciarase nas vindeiras datas.
A Semana do Pincho enmárcase, un ano máis, nun programa máis amplo de dinamización do casco histórico coincidindo coa ponte da Constitución e da Inmaculada e co Mercadiño de Nadal. Pese aos episodios de vento e choiva fina, as rúas do centro enchéronse de visitantes que aproveitaron para percorrer os postos de artesanía, desfrutar dos pinchos e fotografarse coa iluminación e os elementos decorativos de Nadal, consolidando Betanzos como un referente gastronómico e festivo nas Mariñas.