Cartografías do Corpo Migrante reúne en Teixeiro un encontro de arte, tenrura e memoria para mulleres migradas

A área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, en colaboración con ‘Mujeres Negras que Cambiaron el Mundo’, presenta ‘Cartografías do Corpo Migrante: arte, tenrura e memoria’, un encontro de catro días no Centro Etnográfico Río Mandeo (Teixeiro) dirixido a quince mulleres migradas, negras e racializadas. A proposta busca abrir un espazo seguro de coidado, reflexión e creación colectiva arredor das memorias persoais e das experiencias de desprazamento, ao tempo que promove a participación cultural dun colectivo frecuentemente invisibilizado.
Na presentación celebrada no Pazo provincial, a deputada de igualdade e dereitos civís, Soledad Agra, subliñou que a iniciativa pretende construír un lugar formativo e de expresión para mulleres que moitas veces non poden parar no día a día para dedicarse tempo. Lembrou tamén o deber moral de Galicia, terra historicamente emigrante, de acoller e integrar a quen chega, e advertiu fronte á normalización de discursos racistas e aporófobos. A coordinadora do proxecto, Zinthia Álvarez, insistiu en que a tenrura e o coidado constitúen unha práctica política e artística e que este encontro se levanta desde a memoria e a resistencia para recuperar un espazo negado.
O programa combinará escrita autobiográfica, fotografía, narración oral e inmersión na lingua galega con tempos de convivencia e creación comunitaria concibidos como refuxios de memoria e afectos. As participantes contarán con artistas e obradoiristas de traxectorias diversas que achegarán olladas complementarias para enriquecer o proceso. A xornada final culminará cun concerto de Batuko Tabanka, que traerá á escena a música e a herdanza cultural da diáspora caboverdiana.
A Deputación enmarca esta proposta nas súas liñas de traballo en Dereitos Civís, orientadas a promover a igualdade, recoñecer a diversidade e apoiar procesos creativos que afrontan discriminacións interseccionais por razón de orixe, xénero e racialización.