Cartaces contra a política forestal empapelan a sede do PP de Sada e a Garda Civil abre investigación

ACoruñaXa
Os populares anuncian denuncia tras reunirse coa Garda Civil e agradecen tamén a actuación da Policía Local nun episodio que se repetiu noutras sedes do PPdeG en Galicia
SADA sede pp empapelada
4 Feb 2026

A sede do Partido Popular de Sada amenceu o luns cuberta de cartaces e mensaxes críticos coa xestión forestal da Xunta, colocados tanto na fachada principal como na parte traseira do local. Entre os lemas que se puideron ver figuraban referencias ao ‘PP Partido Pirómano’ e ‘17 anos queimando Galiza’, nunha acción semellante á rexistrada noutras sedes do PPdeG en diferentes puntos de Galicia.

Nun comunicado, o PP local agradeceu á Garda Civil e á Policía Local ‘o interese’ mostrado desde o inicio para esclarecer a autoría, e informou de que este martes a Garda Civil contactou coa portavoz municipal, Esperanza Arias, para recabar datos. Segundo trasladou a formación, semanas atrás xa se detectara un antecedente, ao aparecer unha pegatina no local co mesmo tipo de mensaxe.

Os populares indicaron tamén que formalizarán a denuncia nas dependencias da Garda Civil, achegando o informe elaborado pola Policía Local. Arias cualificou os feitos como un ataque á convivencia democrática e ao respecto pola diversidade ideolóxica e a propiedade privada, e pediu unha condena expresa do ocorrido por parte do resto de forzas políticas.

No ámbito político, Sadamaioría amosou a súa condena nas redes e o BNG tamén rexeitou publicamente os actos vandálicos, subliñando que a oposición á política forestal debe expresarse desde a mobilización social e o respecto ás regras democráticas.

A nivel autonómico, o PPdeG enmarcou o sucedido nunha vaga de empapelados en sedes de Santiago, Ourense, Lugo, Gondomar e Sada, e vinculou a acción ao entorno de Galiza Nova, algo que a organización xuvenil do BNG negou, asegurando que non vai alimentar a polémica e que as súas campañas se identifican.

⚙ Configurar cookies
0.0781090259552